O Val Miñor sae á rúa baixo o lema “Lumes Nunca Máis”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Concentración na Ramallosa.

Miles de persoas participaron nas preto de 40 concentracións convocadas por toda a xeografía galega baixo o lema “Lumes Nunca Máis”. Un berro que volveu tomar as rúas de Norte a Sur do país para manifestar a indignación, carraxe e dor provocada pola vaga de lume que asolou sobre todo as provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo, con resultados catastróficos en perda de vidas humanas, vivendas e do noso patrimonio natural, mais tamén de denuncia pola incompetencia do goberno do PP á fronte da Xunta de Galicia na súa xestión. Unha incompetencia pola que os manifestantes esixiron a dimisión do propio Presidente, Alberto Núñez Feijóo.

No Val Miñor a concentración tivo lugar en Nigrán, convocada pola Mancomunidade de Montes da comarca, congregando a centos de persoas no Paseo da Ramallosa, que ao igual que o resto das rúas do país enchíase co berro unánime e sentido de «Lumes Nunca Máis». Entre os asistentes estaban a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o deputado do BNG, Luís Bará, o alcalde de Nigrán, Juan González, o tenente de alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo, e concelleiros dos tres concellos da comarca.

Nas concentracións tamén escoitáronse consignas que poñen en cuestión a teoría conspiranoica que atribúe a vaga de incendios que asolagan Galicia a un suposto «terrorismo incendiario» e sinalan ben ás claras as responsabilidades políticas: «detrás un incendiario sempre hai un empresario», «Feijóo responsable, dimisión!», «con este goberno estamos no inferno», «goberno que improvisa é o terrorista»,»coa nosa terra non se xoga» ou «Feijóo, atende, Galiza non se vende».

Política de abandono do rural

Tamén denuncian que detrás desta vaga de lumes hai responsables e apuntaban ao goberno do Partido Popular por ter propiciado unha política de abandono do rural e por substituír as históricas actividades agrícolas e gandeiras por unha política de forestación con eucaliptos para atender os intereses empresariais da pasteira ENCE.

Xunto a isto, a ausencia de políticas de prevención e a falta de previsión diante dunhas condicións climatolóxicas óptimas para a propagación dos lumes: seca, altas temperaturas e vento.

Deficiente información

Isto xunto coa deficiente información desde os medios públicos galegos para que a poboación enfrontárase a unha catástrofe das dimensións da vaga de lumes que padeceu onte Galicia. Xunto coa falta de previsión, denunciaron a falta de organización, de medios e a incapacidade do goberno de Feijóo mesmo para advertir por onde se podía ou non circular provocándose unha situación de confusión, caos e pánico. Por iso esixiron a súa dimisión e a asunción de responsabilidades por parte do goberno galego, do que el está á fronte.

Anuncios