Zona Franca avalía os efectos dos incendios en Porto do Molle, Balaídos e Parque Tecnolóxico

FOTO: CHRIS DOAL // Incendio forestal en Parada desde Porto do Molle.

Esta mañá, e co obxecto de poder avaliar os danos do lume que durante a noite cercaron as localidades da Ría de Vigo, a delegada Teresa Pedrosa desprazouse á primeira hora aos diferentes polígonos promovidos polo Consorcio da Zona Franca, Balaídos, Parque Tecnolóxico e Porto do Molle. «O primeiro que quero transmitir é o meu máis profundo pésame ás familias das persoas que faleceron por causa do incendio e o meu máis profunda solidariedade con todos aqueles que viron afectadas as súas casas e ás comunidades de montes que onte á noite viron como ardían os seus bosques. Neste sentido, e sen esquecerme do resto de Galicia nin do irmán Portugal, envío un particular abrazo aos concellos de Baiona, Nigrán e Vigo».

Afortunadamente, ningunha das empresas instaladas nos polígonos tivo que lamentar danos de importancia. “É unha boa noticia nunhas horas tan complicadas”, explicou a delegada do Consorcio, “a preparación das instalacións, o bo funcionamento dos plans de emerxencia das empresas e o compromiso dos traballadores foi fundamental para que non tivésemos que lamentar males maiores”.

Durante as horas de maior actividade incendiaria, as chamas achegáronse especialmente ao Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo. En todo caso, e ademais dos inconvenientes asociados ao fume que afectaron a algunhas empresas, non houbo danos de importancia. Tampouco os houbo nas empresas radicadas en Porto de Molle ou o Polígono Industrial de Balaídos.

Na súa visita ao Parque Tecnolóxico, a delegada, Teresa Pedrosa, reuniuse co presidente da Entidade Urbanística de Conservación do PTL, José Manuel Modroño, para estudar posibles danos no Parque. Tamén mantivo un encontro co presidente de TexVigo, José Manuel Bahamonde. Xa en Nigrán, en Porto do Molle, mantívose un encontro co presidente da Comunidade de Propietarios do polígono. Acompañada pola directora de Promoción Económica do Consorcio, Rosa Eguizábal, a máxima dirección do Consorcio tamén mantivo reunións con diferentes empresarios dos tres parques.

“Haberá tempo para analizar que debemos aprender como Consorcio desta experiencia”, afirmou Teresa Pedrosa “pero hoxe debemos expresar toda a nosa solidariedade coas vítimas e poñernos a disposición das administracións”.

No polígono de Balaídos, que onte á noite tivo que evacuar por precaución aos persoais de PSA Peugeot-Citroën e GKN, retomouse a actividade normal aínda que se mantén a situación de alerta ante a posibilidade de que se reactive o lume orixinado en ambas as dúas marxes da VG20.

Neste luns negro, ademais de preocuparse por todas e cada unha das empresas instaladas nos parques de Zona Franca e de poñerse a disposición de cada unha delas Pedrosa enviou unha mensaxe de «moito ánimo a todas as persoas que nestes momentos están a pasalo mal e oxalá que co esforzo de todos podamos volver ver á nosa terra verde, que é como sempre foi e como ten que continuar sendo para os nosos fillos e para os fillos dos nosos fillos».

Anuncios