Nigrán presenta a fase final da escavación do Castro de Chandebrito cunha visita guiada

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 16, Día Mundial do Patrimonio, unha visita guiada ao Castro de Chandebrito ás 11:30 a cargo de Árbore Arqueoloxía, equipo que está a piques de rematar a escavación e primeira musealización dunha área de 58 metros cadrados nesta cima. Estes traballos de escavación, consolidación e restauración rematarán a final de mes despois de levar a cabo dúas intervencións ao longo de 2018 e 2019, a segunda delas financiada integramente por parte do Concello con 31.556 euros a través do Plan Concellos 2018. Así, a partires de decembro, calquera visitante que se achegue ata o seu cume poderá apreciar in situ, e por vez primeira, restos de tres antigas murallas e de tres construcións cuxa función aínda se descoñece, todo elo sinalizado nesta situación con impresionantes vistas á ría de Vigo. A maiores, o plan de divulgación contemplado incluirá unha reconstrución virtual web de toda a contorna e os seus achados.

O Castro de Chandebrito foi oficialmente escavado no 2008 nunha pequena intervención que permitiu situalo como habitado entre os séculos VI a.C ao II a.C, sen embargo, a nova investigación amplía a ocupación do VIII a.C ao I d.C. É dicir, ten a súa orixe a finais da Idade de Bronce, nos inicios da cultura castrexa que tres séculos máis tarde se espallaría por toda Galicia dando lugar á maioría dos asentamentos coñecidos. Así o certifican as decenas de pezas atopadas (fusos de fío, lá e liño, pedras de afiar, pezas de metal, unha conta púnica…) e os miles de fragmentos de cerámica de diferentes épocas da Historia e moi ben conservadas, algunhas delas con decoración profusa (apareceron desde ánforas romanas ou fenicias que certifican o comercio dos habitantes de Chandebrito cos pobos mediterráneos a cerámica propiamente castrexa).

“Estamos ante o gran tesouro patrimonial de Nigrán e da comarca. O potencial deste castro é maior do que xa se supoñía; dende o Concello seguiremos promovendo novas fases de escavación porque sabemos que este é o camiño para que sexa un referente etnográfico de toda Galicia”, destaca o alcalde, Juan González, quen incide en que, despois dos incendios, “todos comprendemos que a cultura, o respecto ao medio ambiente e a actividade económica deben ir sempre da man” por iso dende o goberno local se aposta por facer investimentos como a musealización deste espazo único ou a creación do primeiro parque forestal da comarca en terreos queimados das parroquias de Camos e Chandebrito.

Así, o Concello de Nigrán organiza este sábado para todas as persoas que desexen coñecer de preto a recente escavación e os novos achados un roteiro guiado e un obradoiro que rematará ás 13:30 no Bar D’Arriba con música en directo nunha sesión vermú. Os interesados en participar deben presentarse ás 11:30 no Bosque da Memoria, ao carón do Castro.

Anuncios