Carmela Silva fai un percorrido polos concellos do sur da provincia afectados polos lumes

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Carmela Silva en Baiona.

A Presidenta da Deputación Carmela Silva, tras comparecer ante os medios de comunicación en Pontevedra xunto o vicepresidente César Mosquera comezou un percorrido polas localidades do Sur da provincia máis afectadas polos lumes. En primeiro lugar desprazouse ate Vigo, onde participou na xuntanza de coordinación cos presidentes o Goberno e da Xunta, Mariano Rajoy e Núñez Feijóo, e no minuto de silencio celebrado ante a comisaria como homenaxe as persoas falecidas.

Posteriormente dirixiuse ate Ponteareas para, xunto o alcalde, coñecer de primeira man a situación do concello. Tamén visitou Salvaterra, As Neves, Gondomar, Nigrán e Baiona, precisamente os concellos que se mantiñan a primeira hora da mañá en “alerta 2” pola proximidade das lapas a núcleos poboacionais.

Carmela Silva subliñou sentirse “desolada” polo que había acontecido na tarde do domingo e na madrugada e recordou que dende o mesmo sábado a tarde activouse o gabinete de crise da Deputación e que estivo en permanente contacto coa conselleira de Medio Rural e o director xeral de Emerxencias para ofrecer toda a colaboración necesaria.

A Presidenta da Deputación subliñou hoxe, na súa comparecencia de primeira hora xunto o vicepresidente, que a totalidade dos medios do Consorcio Provincial Contra Incendios estiveron a disposición dos servizos de emerxencia da Xunta de Galicia ao longo de toda a fin de semana “incluso moitas veces por riba das nosas posibilidades”.

Silva agradeceu a labor feita polos bombeiros e o persoal do parque de maquinaria que “responderon de xeito afirmativo a nosa demanda para que se incorporaran ao servizo a pesares das libranzas e descansos”. Tamén quixo ampliar este agradecemento a Garda Civil, policías locais, a UME e a todos os servizos de emerxencias, pero sobre todos a toda a veciñanza da provincia que loitou cos seus propios medios contra o lume.

A Presidente coincidiu con César Mosquera en asegurar que o primeiro neste intre era o combate contra as lapas e atender a poboación. “Agora é o momento de seriedade e rigor e polo que temos que estar preocupados e por apagar os lumes e haberá tempo de analizar do que de verdade ocorre nos nosos montes e bosques. Paréceme que a min algúns titulares só buscan xustificacións para os que teñen que actuar”. “Temos que sentarnos –mantivo Silva- e estudar cales son as eivas que temos nos nosos montes e como funcionan os dispositivos de extinción, pero quero quedarme niso”.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera insistiu en que “o primeiro problema ambiental de Galicia dende hai anos é o mal estado do monte, que supón a metade da extensión de Galicia, e que dá lugar a tremendas e fulgurantes consecuencias todos os días e a todas horas”. Destacou que é preciso “analizar as características dos dispositivos, como funcionaron e se coordinaron durante os lumes destes días con máis calma e non en quente”, se ben subliñou que o máis importante é “sentarnos e mirar sen presa e sen pausa” o futuro da xestión do monte para evitar situacións como a que se están a vivir.

O nacionalista subliñou que a Deputación de Pontevedra, co plan de creación de parques forestais que se puxo en marcha este exercicio, é a única institución provincial galega que está “destinando recursos para a mellora do monte” moi por riba das súas posibilidades a pesares de non ter competencias. Por último, subliñou que os lumes virulentos prodúcense cada vez con máis frecuencia “parece que acentuados polo cambio climático”, polo que insistiu en que “algo haberá que facer”

A totalidade dos parques do Consorcio estiveron mobilizados o domingo, con sete motobombas e vehículos de intervención rápida coas súas dotación e os seus reforzos. Ademais no parque de maquinaria mobilizouse dúas máquinas de cadeas, dúas góndolas e dúas cisternas que tiveron que ser contratadas de urxencias con 3 condutores maquinistas, un coordinador e outros tres condutores externos.

Os medios do Consorcio Provincial actuaron nos incendios de Ponteareas, Mondariz, Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior, As Neves, Baiona, Nigrán, Pontecaldelas, Salvaterra, Cotobade, Meis, Fornelos, Salceda, na parroquia de Morgadáns de Gondomar, nun incendio industrial en Hierros Mos, nun incendio dunha carpintería en Pontecaldelas en nun incendio en Budiño (Porriño).

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra súmase aos tres días de luto oficial decretados pola Xunta de Galicia e as súas bandeiras ondearán a media asta.

Anuncios