Analizan o vehículo calcinado das octoxenarias falecidas en Chandebrito

FOTO: TVG // Estado no que quedou a furgoneta calcinada.

Pouco antes das once da mañá eran levantados os cadáveres das dúas octoxenarias que morreron calcinadas na parroquia nigranesa de Chandebrito. Abandonaban o incendio nun vehículo conducido por outra muller que si conseguiu fuxir a pé.

Axentes da Garda Civil tomaban pegadas e analizaban o escenario en que se calcinou o vehículo este mediodía. Curiosos e medios de comunicación tamén estaban pendentes da imaxe e do levantamento dos cadáveres de Maximina Iglesias e Angelina Otero.

A terceira muller que ía no coche, a condutora, que non é da parroquia, logrou fuxir e salvarse. O lume comezou contra as cinco da tarde nesta parroquia nigranesa, pero foi moito máis tarde cando se decidiu evacuar todos os veciños. Aínda así, non todos o fixeron. A fumareda e o cambio da dirección do vento foron as causas da escasa visibilidade e de que o coche acabase totalmente calcinado.

Tamén en Nigrán continúa activo outro lume en Parada e en Gondomar, na zona de Morgadáns. Ambos os dous en situación dúas como o de Baíña, en Baiona, que alertou ata aos turistas que estaban nos iates.

Medio Rural tiña previsto enviar medios aéreos ata esta zona do Val Miñor, que aínda fumegaba esta mañá malia a poalla caída nas últimas horas.

Anuncios