Este venres e sábado disputouse o LXVIII Campionato de España Alevín e Infantil de Patinaxe Artística, organizado polo CPA Maxia na Coruña. O Palacio dos Deportes de Riazor vestiuse de gala para recibir a última competición nacional do ano.
En Alevín Masculino, Joel Ribeiro, do CPA Gondomar, conseguiu o segundo posto, facéndose coa medalla de prata. Unai Cereijo do CPA Maxia proclamouse brillante campión de España e o canario Carlos Prieto do Patinart Candelaria completou o podio en terceira posición.
Este LXVIII Campionato de España Alevín e Infantil contou con 102 patinadores inscritos, 13 deles galegos. Do CPA Gondomar tamén participaron Sara Ferreira e Ainhoa Vidal, que competiron na categoría Alevín Feminino ocupando os postos 31 e 33 respectivamente. Os tres deportistas desprazáronse ata A Coruña acompañados polo seu adestrador, David Figueroa.
Unha vez máis a base da Patinaxe Artística galega e a substitución aos patinadores e patinadoras máis veteranos parece asegurado a teor dos resultados obtidos, que veñen confirmar o excelente traballo realizado polos clubs galegos e os seus adestradores e adestradoras.


