Anuncios
Ticker de novas

O PP pide a Ferreira que cumpra a súa palabra e dimita por mentir sobre os falsos teitos do colexio de Vincios

O Partido Popular de Gondomar pide ao alcalde que sexa consecuente coas súas palabras e dimita despois de mentir “descaradamente en varias ocasións” coas obras de substitución dos falsos teitos do colexio de Vincios. A presidenta local do partido, Paula Bouzós, puido comprobar nunha recente visita que vén de facer ao colexio de Vincios, que as obras continúan sen executarse despois do compromiso adquirido por Ferreira no pleno de xullo. Tamén puido saber que o alcalde non ten acordado nin falado nada ao respecto coa dirección do centro.

“Mentiu descaradamente antes e agora, nin as obras están feitas nin este tema está falado e acordado coa dirección do centro”, denuncia. Así, recorda que no pleno de xullo, en contestación a unha moción pedindo melloras para o colexio, o alcalde comprometeuse publicamente e durante a sesión a cambiar dous falsos teitos do centro antes de setembro. “Xa verá como os falsos teitos están. Senón están en setembro dimito, como xa levo dito vinte veces aquí. E cando dou unha palabra cumpro, vale!”, dixo literalmente Ferreira no pleno.

Os populares sinalan que esperaron todo o verán, que é o momento no que o concello asume as tarefas de mantemento dos centros escolares, pasou o mes de setembro e xa comezou o curso escolar. “Que pasou con esas obras? Pois que foron un auténtico engano do alcalde, que mentiu descaradamente, porque nin están feitas nin está falado e acordado nada coa dirección”. Precisamente, sinala Bouzós, esta foi a escusa que ofreceu no último pleno, no cal volveu a mentir, sinalando que nunca puxera o cargo a disposición. Reunida co director do colexio de Vincios, este confirmoulle que en ningún momento o Alcalde nin a Concelleira responsable da Área (que cobra dedicación exclusiva) puxéronse en contacto coa dirección do Colexio. Tanto e así, que houbo consello escolar a semana pasada e a Concelleira responsable non asistiu, algo moi habitual neste goberno.

“É unha mágoa a pouca comunicación que existe entre o goberno e a Comunidade Educativa, dito colectivo amósase molesto con esta actitude”, conclúe Bouzós.

Anuncios