
O Concello de Nigrán recuperou este sábado o desfile de comparsas co percorrido tradicional desde rúa Telleira á Casa Consistorial, onde estaba situado o xurado, composto por Rosa Auri Brión, da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Monteferro de Panxón, Mª Jesús González, Auxiliar de Enfermería do Hospital Álvaro Cunqueiro, Nuria Méndez, Instrutora Oficial de Zumba e Técnico en Emerxencias Sanitarias, Javier Lago, Socio Xerente de Sarao Produción & Animación, Sabela Fernández, Perruqueira e Maquilladora Profesional, e Cristian Gómez, Artista e mestre de cerimonias.
Media ducia de agrupacións con 410 persoas en total, desfilaron pola Avda. Val Miñor, acompañadas como é habitual pola batucada de Bate no Cobre, que tamén amenizou ao numeroso público durante a deliberación do xurado, que tivo en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa.
O primeiro premio, de 700 euros, foi para “O Circo” da Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño, con 295 puntos. “A Fábrica dos Xoguetes” da Asociación “Os da Casa” de San Andrés de Comesaña levou o segundo premio, de 600 euros, con 275 puntos. O terceiro premio, de 500 euros, foi para “Dominó” do Centro Cultural Parada de Miñor, con 267 puntos. O Millor de Cada Casa de Vincios logrou o cuarto premio, de 400 euros, con 263 puntos. En quinto posto, cun premio de 400 euros, “LDanzteka” da Escola de Baile LDanzia de Gondomar, con 237 puntos. Finalmente, o sexto premio, de 250 euros, levouno “O Conto da Criada” do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, con 210 puntos.