Anuncios
Ticker de novas

Veciños de Baredo din non ao campo de golf tamén o Día da Hispanidade

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Veciños de Baredo nos actos do Día da Hispanidade.

Un numeroso grupo de veciños de Baredo asistiu este xoves aos actos celebrados en Baiona con motivo do Día da Hispanidade, nos que participaron a alcaldesa en funcións, María Iglesias, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o conselleiro de Sanidade e ex alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, ademais doutras autoridades civís e militares.

O obxectivo era mostrar a súa negativa á construción dun campo de golf na parroquia, con carteis e camisetas nos que se podía ler “Non ó campo de golf en Baredo” ou “Baredo non se vende”. En todo momento permaneceron pacificamente e en silencio, respectando as diferentes intervencións que tiveron lugar durante os actos institucionais ao pé do monumento “Encontro entre dous mundos”.

María Iglesias, como portavoz do goberno local, asegurou no pasado pleno que “non imos facer nada que os veciños non queiran”. Con todo tamén sinalou que polo momento o proceso seguirá adiante, lembrando que o Plan Especial das Costeiras ía no programa electoral do PP, “polo que non se enganou a ninguén”.

O Plan Especial das Costeiras está a suscitar un movemento social e veciñal como non se viviu en anos en Baiona. Contempla un campo de golf de 18 foxos acompañado de club hípico, pistas de tenis e paddle, campos de fútbol sala, balonvolea, baloncesto, balonmán, piscina, club social, cafetería, pista de rodeo, anfiteatro, curro e zona de deportes aéreos nunha área de case 70 hectáreas, cun valor total que supera os 14 millóns de euros.

Tanto os grupos da oposición, PSOE, BNG e EU, como os veciños, insisten na retirada do proxecto.

 

Anuncios