Anuncios
Ticker de novas

Preto de 200 maiores participarán a próxima semana no programa “Depotermal 2017”

Un total de 178 persoas da provincia maiores de 50 anos chegarán a partir deste domingo 15 de outubro ao Hotel Carlos I de Sanxenxo, Hotel Talaso Atlántico de Oia e ao Hotel Eurostars de A Toxa, dentro programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal 2017”. Este programa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, facilitando o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario. Ademais, “DepoTermal” pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

“Depotermal” tamén promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve entre setembro e decembro e da que se benefician 4.000 maiores da provincia, a través de estancias en establecementos termais coa modalidade só diúrna, acudindo diariamente durante cinco días consecutivos, ou con aloxamento completo de domingo a venres.

Así, dende este domingo ata o vindeiro venres 20 de outubro, 93 maiores da provincia de Pontevedra gozarán dunha estancia completa no Hotel Spa Carlos I de Silgar, en Sanxenxo e 35, no Hotel Talaso Atlántico de Oia. Todos eles e elas proveñen dos concellos de Vigo, Mos, Pontevedra, O Porriño, Cangas, Ponteareas, Nigrán, Vilaboa, Marín, Catoira, Valga, Vilagarcía de Arousa, A Lama, Cuntis, e Cambados.

Ademais, a partir do vindeiro luns 16 de outubro, 50 persoas chegadas dos concellos de Meis, Meaño, Pontevedra e Sanxenxo aproveitarán a modalidade diúrna de “Depotermal” no Hotel Eurostars da Illa de A Toxa

Durante este mes, e no que queda de ano, 4.000 maiores de 48 concellos da provincia poderán gozar do programa “Depotermal” a través das súas dúas modalidades. Ao igual que na pasada edición ofértanse prazas gratuítas para persoas en situación ou risco de exclusión social e sen recursos económicos.

Anuncios