O incendio forestal de Baiona afectou a menos dunha hectárea de monte

Segundo informan desde a Consellería do Medio Rural, o incendio forestal declarado este xoves no Monte Sansón de Baiona non afectou nin a unha hectárea de monte. O lume comezou ás 11:30 horas na zona que se atopa entre a área recreativa Mercedes de la Escalera, aos pés da Virxe da Rocha, e o IES Primeiro de Marzo.

O incendio, que provocou unha gran fumareda que se podía ver desde numerosos puntos da comarca, quedou controlado ás 12:58 do mediodía e ás 16:53 deuse por extinguido. Traballaron para sufocar as chamas 1 axente, 6 brigadas, 6 motobombas e 1 helicóptero.

Tamén se desprazaron ata o lugar patrullas da Policía Local e da Garda Civil, que procederon ao corte da estrada, ademais de membros do GES de Val Miñor.