Anuncios
Ticker de novas

Carmela Silva fai en Baiona unha férrea defensa da Constitución no Día da Hispanidade

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Carmela Silva durante a súa intervención.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pronunciou este xoves, nos actos institucionais do Día da Hispanidade en Baiona, un discurso no que fixo unha férrea defensa da Constitución española e das leis como “os instrumentos que poñen os límites aos totalitarismos e os únicos que temos para a igualdade, para a cohesión e o desenvolvemento económico e social”.

Nestes días, que a presidenta provincial definiu “como moi complicados ante o ataque ao Estado de Dereito e á norma básica de convivencia que é a Constitución”, Silva tomou como exemplo a historia de relacións entre España e América para demostrar que en épocas de conflitos moi duros fomos capaces de chegar á convivencia, a cooperación, e á colaboración. “Para enfrontarnos á tolemia dos que queren romper o territorio español atacando á súa integridade territorial, e para elo usando o despropósito, a imposición e o bombardeo ás normas nunha fuxida cara a adiante que nos dana a todos, temos que mirar cara atrás e tomar como exemplo as firmas de tratados internacionais que permitiron que a paz, o diálogo, a cooperación e a colaboración estiveran por riba das fronteiras”, dixo.

Na súa intervención, Carmela Silva sinalou que “non son tempos de avivar as fogueiras. Son tempos de reflexión, de argumentos racionais e de defender ao conxunto do país que é o mesmo que defender a Cataluña. É tempo de pensar nas persoas e non nos territorios”. A presidenta da Deputación, que citou a Kennedy ao lembrar que “ningún home, muller o multitude por moito que berre está por riba da lei”, avogou por una solución ao conflito catalán pero unha vez que se restitúa a legalidade. “O diálogo tense que dar, pero cando estea asegurado o respecto ao Estado de Dereito. Teremos que cambiar, teremos que construír un novo pacto de convivencia pero terémolo que facer xuntas e xuntos. Teremos que dicirlle ás novas xeracións que é posible restituír o que se tense rachado, que ese pacto foi posible no setenta e oito, e que agora tamén o é. Que precisamos de altura de miras para volver a tender pontes pero, iso si, defendendo primeiro o estado de dereito que é o único garante da democracia. Para isto necesitamos illar aos extremos e que unha gran maioría únase para buscar unha solución consensuada unha vez que haxamos restablecido a legalidade”.

A presidenta da Deputación mostrou o seu total apoio ás forzas e corpos da seguridade do Estado “os garantes de que as leis que nos demos todas e todos se cumpran”, e pediu aos gobernos “que son os responsables de solucionar esta difícil situación, que non os poñan en situación de indefensión porque eles e elas están ao lado da defensa da democracia, e por iso teñen o meu agarimo e o meu respecto”. Tamén tivo un recordo para o Capitán do Exército do Aire, Borja Aybar, falecido hoxe en Albacete.

Carmela Silva rematou o seu discurso “facendo un chamamento á calma, á serenidade, á reflexión, á unidade, para evitar situacións que xa vivimos, e que por desgraza xa coñecemos en Europa e en España. Non é hora de tentar sacar réditos políticos, o que sería unha enorme irresponsabilidade. É hora de falar de solucións e hainas. Fomos capaces de facelo na historia. América e Europa soubérono facer en épocas moi duras, de grandes conflitos. Hoxe tamén seremos capaces”, dixo.

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

Anuncios