Anuncios
Ticker de novas

El BNG exige la elaboración inmediata de una Ordenanza Reguladora del Uso del Gallego en Gondomar

bty

O Bloque Nacionalista Galego considera esperpéntica a situación creada entre Valedora do Pobo e o Alcalde a respecto dos sinais en galego.

“A primeira cunha actuación extemporánea e anacrónica no caso dos sinais no concello Gondomar, unha Valedora que, no canto de defender a lingua galega, ten por norma actuar de oficio contra ela, permanecendo indiferente diante das vulneracións reiteradas da lexislación vixente en todo o referido á normalización do noso idioma, razón pola que pedimos a súa dimisión”, sinala Manuela Rodríguez Pumar, Responsable Local do BNG.

“O segundo, un Alcalde sen criterio que despois de ter rexeitado o requirimento por inxusto e innecesario, axiña procedeu a mudar ao español os sinais cuestionados, para logo volvelos cambiar, demostrando así o pouco respecto que a nosa lingua lle merece”, engade.

A Responsable Local do BNG lémbralles á Valedora e ao Alcalde que “a Lei de normalización lingüística de Galicia (ano 1983) ademais de afirmar que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das Administracións, tamén da Local, di así mesmo que a Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego, e que as Corporacións Locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta Lei”.

Por outra parte, lembra tamén “o acordo de goberno asinado en Gondomar en xullo de 2015 entre o PSOE, MANIFESTO MIÑOR e CABE, que entendemos que para as partes asinantes debe ser lei, recollía entre as medidas que deberían priorizarse, a seguinte: facer do noso concello o motor dun proceso de normalización lingüística que faga fincapé nos ámbitos nos que a nosa lingua menos se emprega e aproveitar todo o potencial normativo para desenvolver accións positivas a prol do galego.”

“Pois ben, tendo en conta todo o anterior e fronte á súa agresión á lingua e á manipulación obscena da lexislación para eivar o uso normal do galego, o BNG de Gondomar esixe do Goberno Municipal a elaboración inmediata dunha Ordenanza Reguladora do Uso do Galego no Concello, que evite as arbitrariedades denunciadas e contemple o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística de Galicia e do pacto de goberno. Esta esixencia do BNG preséntase por Rexistro no Concello de Gondomar”, conclúe Manuel Rodríguez Pumar.

Anuncios