Tres patinadores do CPA Gondomar participan este fin de semana no Campionato de España Alevín

FOTO: CPA GONDOMAR

Despois de organizar o ano pasado o Campionato de España Cadete de Patinaxe Artística, o CPA Maxia afronta desde este xoves e ata o vindeiro sábado a organización da 67ª edición das categorías Alevín e Infantil, tamén no Palacio dos Deportes de Riazor na Coruña.

Dos 102 participantes inscritos, 13 deles son galegos. Entre eles, tres representantes do Club Patinaxe Artístico Gondomar, Ainhoa Vidal Touriño, Sara Ferreira Lechuga e Joel Ribeiro Díaz, que competirán na categoría Alevín.

A primeira xornada do xoves 12 de outubro dedicarase integramente ao contacto da pista dos patinadores e patinadoras de ambas as dúas categorías de 9:45 a 13:30 e de 16:00 a 20:30. O venres 13 pola mañá haberá unha nova sesión libre de 8:20 a 10:10, momento este en o que se dará a apertura oficial ao Campionato. A continuación, desde as 10:30, será a quenda dos programas curtos da categoría Alevín, clasificándose para o longo na Feminina as 22 mellores, do mesmo xeito que ocorrerá en Cadete, cuxos programas curtos realizaranse pola tarde desde as 16:25.

O sábado 14 haberá novo contacto coa pista de 8:20 a 9:50 para iniciar os programas longos de ambas as dúas categorías desde as 10:00 ata a conclusión do Campionato ás 21:30 coa entrega de medallas, trofeos e clausura do mesmo. Ademais, o campionato poderase seguir en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Patinaxe.