Sin categoría

Os párrocos de Baiona e Vincios, Chandebrito e Camos celebran as súas vodas sacerdotais

Cada ano os sacerdotes e seminaristas reúnense en Tui o 13 de maio para revivir, como en 1921, a consagración do Seminario ao Corazón de Xesús. Recentemente converteron tamén esa ocasión en escusa para felicitar e homenaxear aos presbíteros que no ano celebren as súas vodas sacerdotais de diamante, ouro e prata. Ao caer en sábado ese día anticípase a celebración ao día 10, conmemoración de san Juan de Ávila, patrón do clero español.

O programa iniciarase ás 11 horas, no salón de actos do Seminario Menor, cunha charla do cardeal portugués António Augusto dos Santos Marto, bispo emérito de Fátima-Leiria, na que se abordará o tema da devoción ao Sacro Corazón de Xesús no pontificado do papa Francisco. Ás 12:30 horas, na anexa igrexa de San Francisco, celebrarase a eucaristía tras a cal ten lugar a renovación da consagración ao Corazón de Xesús ante a centenaria imaxe erixida no claustro do Seminario tudense. Conclúe a xornada sacerdotal cunha comida de confraternidade, ao final da cal se homenaxea, entre recordos e bromas, aos 10 sacerdotes desta diocese máis tres compañeiros que tamén celebran este ano as súas vodas sacerdotais e están entre nós, pero non pertencen estritamente ao clero diocesano.

  • Celebran as súas Vodas de Diamante (60 anos): Jesús Barros Pérez; Manuel Suárez Zabaleta; Andrés Cano Martínez e Manuel Vega Jares (Astorga).
  • Vodas de Ouro (50 anos): José Alvarez Castro; Guillermo Mandado Pérez; Ángel Soliño Fernández; Manuel Salcidos González; Juan Luis Martínez Lorenzo; P. Eduardo Blanco (salesiano) e Eduardo Gutiérrez Marín (Opus Dei).
  • Vodas de Prata (25 anos): José Juan Sobrino Pino e José Antonio García Acuña.

VODAS DE OURO (50 anos)

Manuel Salcidos González

En 1973 recibiu o sacramento da orde sacerdotal en Vigo. Foi párroco da Inmaculada Concepción de Vigo e actualmente éo de Santa María de Baiona e capelán das Dominicas da Anunciada, cóengo da catedral de Tui e membro colaborador da Vigairía para o Clero. Ao longo destes 50 anos de ministerio, desempeñou diferentes cargos a nivel diocesano: membro do Consello de Presbiterio, do Colexio de Consultores e membro da comisión xeral do Sínodo Diocesano. Comezou o seu ministerio en Santa Teresa de Xesús na Cañiza, Santa Baia de Deva e San Sebastián de Achas.

VODAS DE PRATA (25 anos)

José Juan Sobrino Pino

En 1998 recibiu o sacramento da orde sacerdotal en Tui. Na actualidade, é párroco de Santa Mariña de Vincios, San Xosé de Chandebrito e Santa Baia de Camos; desde o ano 2015, exerce como capelán titular no Hospital Álvaro Cunqueiro. Previamente, foi capelán do Hospital Xeral, capelán das Fillas da Divina Providencia en Vilavella e párroco en Covelo, Casteláns e Paraños. Tamén exerceu como profesor de Relixión no Instituto Marítimo Pesqueiro e profesor no Centro Teolóxico “San José” de Vigo. Frecuentemente capitanea e promove actividades sociais e de atención sanitaria, cos seus colegas do Hospital Álvaro Cunqueiro, en terras do Perú a través de oenegués dedicadas á infancia e ao Terceiro Mundo.