Ferreira emprega frases bilingües para resolver o problema do idioma nos sinais de tráfico

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Os rótulos definitivos instalados nos sinais.

O Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reprocha a CABE que siga politizando un problema inexistente de idiomas e pídelle que se poña a traballar polo municipio. O rexedor lembra a Del Río que os sinais de tráfico do Polígono da Pasaxe foron colocados cando el estaba no goberno de Araúxo, co informe desfavorable da Policía Local, incumprindo a Lei de Seguridade Viaria por estar só en galego.

Agora, tras a denuncia da Garda Civil por empregar só o galego e verse así vulnerada a citada LSV, o Concello viuse obrigado a dar cumprimento ao Regulamento Xeral de Circulación, e para iso, cambiou a nomenclatura dos sinais de tráfico utilizando (para dar cumprimento aos dous textos legais) frases bilingües, é dicir, que se escriban da mesma maneira, tanto en castelán como en galego, de aí, que fose substituída a palabra “agás” por “excepto”, que está normativizada nos dous idiomas, e facendo o mesmo co resto das palabras, quedando finalmente a lenda das mesmas como segue: “excepto usuarios polígono” e “excepto vehículos autorizados”.

«Desta maneira dáse por resolto un problema, que non é outro que o propio Pauliño Del Río, quen foi o que verdadeiramente incumpriu a LSV cando foi concelleiro do goberno de Araúxo no 2007, cando foron colocados ditos sinais», concluíu o alcalde.

Anuncios