
Este venres entregáronse os premios do concurso gastronómico As Tapas do Conde, celebrado en Gondomar do 1 ao 10 de setembro, e no que participaron 12 establecementos, cun total de 24 tapas, a metade salgadas e outras tantas doces.
O acto tivo lugar no Pazo do Conde e estivo presidido polo alcalde, Francisco Ferreira, o concelleiro de Comercio e Turismo, Xosé Antón Araúxo, o Conde de Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba, e o presidente e vicepresidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (Ovalmi), Jose Luís Froiz e Jose González, amenizado coa música de Ameva Dúo.
Foron os propios consumidores cos seus votos os que decidiron cal é a tapa gañadora nas dúas modalidades participantes: doce e salgada.
Na categoría de tapa salgada o primeiro premio recibiuno o Restaurante Vitrola, coa súa creación “Tikka Kirika”, o segundo o Café Bar Estanco, con “Cigala en arroz caldoso trufado”, e o terceiro o Restaurante Pazo da Escola, coa tapa “Timbal crocante de carrilladas de porco”.
Na categoría de tapa doce, a gañadora foi “Platanito”, de A Galiña do Ardora, o segundo foi para o Restaurante Vitrola, con “Serenata de outono”, e o terceiro para a Cafetería Alameda e a súa “Torta da avoa”.
Tamén se concederon dous premios especiais dun xurado profesional, á tapa doce “Serenata de outono” do Restaurante Vitrola e á salgada “Tapa Keik” da Cafetería Keik.