O Concello de Gondomar lembra aos titulares de terreos forestais e terreos situados nas zonas de influencia forestal que están obrigados a xestionar a biomasa vexetal existente nunha franxa de 50 metros perimetral ao chan urbano, de núcleo rural e urbanizable, así como ao redor de edificacións e vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques e instalacións industriais e construcións illadas en chan rústico co obxectivo de previr incendios forestais.
Antes de que finalice o mes de maio deberán executar os traballos de tala e roza e retirar as especies arbóreas existentes na devandita franxa de 50 metros, na que tampouco poderá haber piñeiros, eucaliptos nin acacias. Unha vez finalizado o prazo, o Concello de Gondomar comunicará ás persoas que incumprisen esta obrigación, concedéndolle un prazo máximo de 15 días naturais, ou de 3 meses en caso das franxas laterais das vías de comunicación.
En caso de persistencia no incumprimento, transcorrido o prazo establecido poderase proceder á execución subsidiaria con repercusión de custos de xestión de biomasa e, no seu caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda e da aplicación de multas coercitivas, no seu caso.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, lembra que “é responsabilidade de todos evitar os incendios forestais”.

