Arrancan con éxito un ano máis as escolas deportivas do CB Nigrán

FOTO: CB NIGRÁN // Escolas Deportivas.

Esta semana deron comezo as escolas deportivas que o CB Nigrán ten nos diferentes colexios do municipio. Un total de 5 centros escolares, CEIP Camos, CEIP Humberto Juanes, CPI Panxón, CEIP Carlos Casares e CEIP de Mallón, colexio que se incorporou este curso a este proxecto de formación.

En cada un deles o club conta cun grupo de nenos e nenas que adestran semanalmente nos seus respectivos colexios de man de Nuria Gómez, técnico superior de baloncesto e directora deportiva do CB Nigrán. Desde o club cren necesario seguir dinamizando o baloncesto nos centros educativos, por iso xa programaron coas directoras dos centros escolares unhas xornadas de iniciación que se desenvolverán nas clases de educación física durante as próximas semanas.

O CB Nigrán apostou desde un principio polo traballo nos colexios como a forma máis idónea de achegar o baloncesto aos máis pequenos e esa implicación deu os seus froitos fortalecendo de forma excepcional as súas categorías de minibasket pois grazas a ese traballo realizado nos colexios durante os últimos anos, este ano nas categorías inferiores contarán con dous equipos federados máis que participasen na liga de FGB, que comezará nas próximas semanas.

Como complemento a este labor, Nuria Gómez continuará por terceiro ano consecutivo como responsable das Escolas Deportivas de Baloncesto que a Deputación ten no Concello de Gondomar en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto.