España empezou con bo pé o Trial das Nacións de Baiona, marcando os mellores tempos en categoría masculina e feminina nas probas de cualificación celebradas na tarde deste venres.
Tras a cerimonia oficial de apertura, presentada por Albert Solé, membro da Real Federación de Motociclismo Española, e na que interviñeron o Comisionado de Trial da FIM, Thierry Michau, e o presidente da Peña Moteros Val Miñor, José Durán, un piloto por país e categoría asumiron a responsabilidade de representar á súa nación nas probas de cualificación que marcará, durante o fin de semana, a orde na grella de saída.
Toni Bou e Sandra Bou protagonizaron os mellores momentos da primeira proba, unha Zona 15 a modo de Indoor da totalidade instaladas ao redor do Monte Boi, e que provocaron os mellores momentos da tarde agradecidos polo gran público cos seus numerosos aplausos.
Por detrás de España en mozos cualificouse Italia, sendo terceira Xapón. En categoría feminina, tras as españolas situáronse Alemaña, unha das favoritas, e Italia.
Presidindo o acto no palco de autoridades atopábanse o Alcalde da vila, Ángel Rodal; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; e o escultor José Molares, entre outras autoridades.
Dos 20 países que concorren a esta cita mundial, a metade fano coas súas seleccións ao completo, como son España, Gran Bretaña, Francia, Italia, Noruega, Alemaña, Australia, Irlanda, Estados Unidos, e Portugal, sendo Suecia, República Checa, Bélxica, Suíza, Letonia, Andorra, Canadá, Luxemburgo e Guatemala só coa masculina.
Ás 10 da mañá deste sábado arranca a competición na categoría feminina, con dúas voltas ao circuíto do Monte Boi, onde se atopan case todas as zonas, 14 delas entre as rochas de mar e a montaña que cae a modo de faldón por baixo da muralla do Parador de Turismo de Baiona.
A entrega de premios celebrarase ás 15.45 horas no Paddock do Trial das Nacións, na entrada ao propio Parador.







