O Rally Cidade de Vigo de clásicos finaliza un ano máis en Baiona

FOTO: ESCUDERÍA VIGO CLÁSICOS // Os coches no parque pechado do Parador de Baiona.

Este sábado día 7 de outubro terá lugar a XI edición do Rally Cidade de Vigo de automóbiles clásicos, organizado pola Escudería Vigo Clásicos, coa colaboración do Centro Comercial Gran Vía e os Concellos de Vigo, Tui e Baiona.

A proba comezará o venres 6 coas verificacións, que se iniciarán ás 7 da tarde finalizando ás 9 da noite. O sábado pola mañá os participantes concentraranse no parque pechado, situado no Centro Comercial Gran Vía de Vigo, desde as 8:30 da mañá ata as 9:30. Ás 10:31 daráselles a saída para un percorrido pola provincia de Pontevedra, parando ao mediodía para comer no Mesón da Lamprea en Arbo.

A partir das 17:45 horas os preto de 40 coches clásicos participantes estacionarán no Paseo da Corredoira de Tui. Despois de completar o percorrido, o primeiro dos vehículos chegará ás 20:00 horas á rúa Carabela Pinta de Baiona, onde terá lugar o control horario de chegada da proba, polo que os afeccionados que se acheguen pola tarde a esta zona poderán gozar da presenza destas máquinas.

Unha vez pasado este control, os coches quedarán expostos en parque pechado no Parador Conde de Gondomar, onde se celebrará a cea de entrega de premios a partir das 21:00 horas. A proba contará con vehículos dunha antigüidade superior a 25 anos, sendo limitada a aqueles fabricados entre os anos 45 e 74, así como algúns permitidos entre os anos 75 e 80.

Entre eles, contará con coches como os MG A, Porsche 911, Porsche 356, Renault Alpine A110, Austin Cooper S, Sumbeam Alpine, Morgan 4/4 e Seat 600 Abarth.

Anuncios