Anuncios
Ticker de novas

Nigrán inviste 69.000 € no abastecemento de Camos e na humanización da rúa San Roque

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Obras de abastecemento en Camos.

O Concello de Nigrán iniciou as obras para completar a humanización da Rúa San Roque de Camos cun orzamento de 31.840 € e para levar por vez primeira o abastecemento á mesma mediante a conexión ao colector xeral da PO-332 (Rúa dos Pazos) por 37.166 €. En total, o Concello inviste 69.006 € e cumpre así coa vella demanda veciñal nesta rúa vertebradora da parroquia. “O obxectivo, ademais de iniciar nesta parroquia o servizo de abastecemento municipal, é mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria de peóns e condutores”, sinala o alcalde, quen engade que previamente se investiron 145.000 € no soterrado dos cables de baixa tensión.

O inicio da actuación de humanización parte dende o encontro da Rúa San Roque coa Rúa dos Pazos (PO-332), onde ao longo de aproximadamente 50 metros en dirección norte non existen beirarrúas nin itinerario peonil seguro e accesible, co conseguinte perigo para todos os usuarios desta estrada (no resto da rúa si hai). A actuación prevista consiste en habilitar beirarrúas con pavimento de loseta hidráulica axustándose ao trazado agás na parcela da Rúa San Roque 4, onde se retranquea e repón o muro existente axustándose ás Normas Subsidiarias vixentes.

Por outra banda, realizarase a conexión entre o colector xeral de abastecemento existente na PO-332 (Rúa dos Pazos) e a Rúa San Roque. A actuación consiste na instalación dun tramo de 170 metros de tubaxe que una ambos puntos. A obra inclúe apertura de gabias, colocación de colectores, execución de dúas arquetas de conexión, instalación de tres válvulas de aillamento, recheo e reposición de pavimento e instalación dun hidrante.

Así, o goberno socialista de Efrén Juanes, sendo precisamente o actual alcalde concelleiro de Urbanismo, realizou o 90% da humanización da Rúa San Roque (un 2 km entre o Pazo da Touza e o Torreiro de festas). A obra supuxo que se habilitasen beirarrúas, ampliásese a calzada e se instalase abastecemento. O Concello de Nigrán investiu nesta urbanización 587.907,41€ euros procedentes do convenio de aproveitamento urbanístico de Porto do Molle, sendo executadas en 2011 pola Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Hidromiño e Movexvial. “Despois de que se realizase a urbanización, incomprensiblemente non se culminou co soterramento dos cables nin se completou a humanización, asuntos aos que agora damos solución”, expón o rexedor.

Anuncios