Nigrán propón 32 «bocados» na cuarta edición do seu concurso gastronómico de mini-cociña

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Presentación de "Bocados".

O Concello de Nigrán arranca a programación sociocultural de outono con gastronomía a través da cuarta edición do concurso “Bocados”, organizado xunto a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (Ovalmi) e a Deputación de Pontevedra e coa colaboración de Adegas Val Miñor.

O concurso gastronómico Bocados, que foi presentado hoxe no Asador Barrio Sur, desenvolverase dende este venres 6 ao 15 de outubro, consolidándose así definitivamente no calendario local. Nesta ocasión participan a cifra récord de 16 establecementos que ofrecerán no período mencionado dous bocados ou tapas, unha por valor de 1,50 euros e outra de 3 euros, con total independencia da consumición de calquera outra bebida ou produto.

«Este tipo de certames teñen gran aceptación entre o público e, ao tempo que dinamizan a hostalería e restauración local, elevan aínda máis o nivel gastronómico do noso municipio», sinalou a alcaldesa en funcións, Raquel Giráldez, quen aposta por este tipo de eventos que «axudan a desestacionalizar o turismo», como é o caso de “Nigrán, mar de sabores” celebrado en setembro. «É unha oportunidade única para achegarse ata Nigrán e degustar auténticos manxares a prezos moi populares», anima.

A dinámica de Bocados será similar á de anos anteriores. Todos os establecementos participantes poderán optar ao premio ao “Mellor bocado 2017”, elección en mans dos clientes. Para participar na votación deberase acudir co folleto “Gastromapa”, que funciona a modo de guía orientativa para facer o percorrido e, cada vez que consuman algunha, selarase no propio local. No caso de que unha mesma persoa consuma varias tapas no mesmo establecemento, este selará tantos Gastromapas como consumicións de tapas realizara.

Para poder votar e, polo tanto, optar ao sorteo de premios, o folleto deberá estar completo, é dicir, marcado por catro selos de establecementos diferentes e deberá depositarse nas caixas de correo habilitadas en calquera dos locais. Do reconto das votacións sairán os 3 nomeados ao Mellor Bocado 2017 de 1,50 euros e os tres da tapa de 3,00 euros. As instalacións de Adegas Val Miñor acollerán a entrega de premios.
Os establecementos participantes son Jamonería Serrano, Restaurante La Galería, Asador Tapería Barrio Sur, Tapería A Coura, Chac Mool Taquería Mexicana, Miyagi Sushi & Cocktail Bar, Restaurante La Abadía, Coffee & Meal Nigrán, Camu Camu Tapería Peruana, Tapería La Molinera, Tapería Puerto Pesquero, Tapería A Madorra, Restaurante Eladio, Restaurante Alalá, Restaurante Tapería JR e Bocatería Lalo’s.

PRESENTACIÓN BOCADOS NIGRÁN
FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Presentación de «Bocados».