18 voluntarios retiraron 950 quilos de residuos dos ríos Miñor e Zamáns

Un total de 18 voluntarios participaron este domingo en Gondomar na X Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”, incluída no “Proxecto Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega. Trátase dun programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, mostrar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

O Concello de Gondomar e a Asociación Ecoloxista A Groba uníronse un ano máis para retirar nesta ocasión un total de 950 quilos de residuos dos ríos Miñor e Zamáns. Plásticos, pneumáticos, latas ou cueiros son algúns dos residuos que se puideron atopar.

A X Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrouse este ano en 49 concellos de toda Galicia, e participaron un total de 69 entidades (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 10 concellos que organizan directamente esta actividade.

Segundo os primeiros datos provisionais os residuos recollidos en todos os concellos suman máis de 10 toneladas. Recolléronse refugallos de todo tipo, e como sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos…). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, unha cadeira de escritorio, un colchón de praia, plásticos de silo, pilas, electrodomésticos, uralitas… As toallitas húmidas volveron ser do lixo máis abundante. Apareceu tamén roupa, calzado…

Anuncios