O grupo indie-rock Atlantic de Nigrán prepara o seu primeiro disco

A mediados de 2015, cinco mozos de Nigrán cun gran afán pola música deciden formar un grupo coa simple intención de quedar de cando en vez no seu local de ensaio e pasar un bo intre tocando un repertorio moi variado de versións con gran influencia de grupos de rock alternativo como Oasis ou Radiohead, pasando tamén por estilos como o rock sureño de Black Crowes ou o indie español que agora está en auxe con Vetusta Morla ou Izal.

Con Roi Grandío como voz principal e guitarra, Adrián Collazo ao teclado, José Vilas á batería, Rafael Davila ao baixo e Andrés Vilas ao saxo, Atlantic comeza a mostrar os seus temas propios e a soar en directo polos locais e salas de Vigo e arredores.

A resposta do público foi boa, un “indie rock cálido e potente” caracterizaba os seus directos, combinando no seu repertorio temas propios cargados de frescura e expresividade e outros máis densos e emotivos.

A mediados de 2016 gravan “Invierno”, o seu primeiro single -do que tamén se fixo un videoclip en Monteferro (Nigrán)-. Un tema que cativou á súa audiencia e que se fixo bastante popular en Nigrán e arredores.

Este verán de 2017, tras gravar o seu primeiro EP “El viajero de sueños”, publicado en Spotify, Atlantic participa en grandes festivais, como o Vive Nigrán, e realiza a súa primeira xira nacional, acompañados por grupos locais das diferentes cidades españolas -entre elas Salamanca, Madrid, Valencia ou Barcelona…- . Conseguiron encher míticas salas de Vigo, como La Iguana -con máis de 200 persoas durante os seus concertos- e lanzan o seu segundo videoclip -esta vez de índole “estival” cun toque máis country da índole de Mumford and Sons ou Of Monster and Men- do seu novo single “Fronteras”.

Pódese dicir que o estilo de Atlantic toma de referencia grupos como Oasis, Coldplay ou Artic Monkeys no panorama internacional e Vetusta Morla, Ferreiro ou Xoel dentro da música en español.

Pronto, empezarán a gravar o seu primeiro disco. Constará de 12 cancións totalmente propias. Algunha delas, xa está dispoñible en Spotify e Youtube (Viajero de Sueños, Invierno, Fronteras, Aterriza como pueidas).

En novembro, volverán aos escenarios: o sábado 4 na SalaSon de Cangas e, o xoves 9, na Sala Moon de Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo, inscribíronse no concurso Vodafone Yu Music Talent. Se gañan poderán tocar en varios festivais no verán de 2018 ademais de poder acompañar na súa xira a un grupo de primeiro nivel estatal, como Lori Meyers, Sidonie, ou Izal. Tamén poderán gravar un EP e un videoclip.

Anuncios