O Concello de Nigrán adquire un novo vehículo para uso exclusivo dos Servizos Sociais

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // As traballadores de Servizos Sociais co novo vehículo.

O Concello de Nigrán vén de adquirir a través da Deputación de Pontevedra unha furgoneta Renault Kangoo nova destinada exclusivamente ao departamento de Servizos Sociais. O vehículo diesel, mercado por 12.000 euros nun concesionario de Nigrán, substituirá a un Citröen Saxo de 17 anos que irá directamente ao despezamento tras ser empregado todo este tempo polo conserxe-notificador e despois polos Servizos Sociais.

O goberno de Nigrán foi o primeiro en 2015 en destinar un vehículo aos Servizos Sociais, ata entón non dispoñía de ningún, cada traballadora empregaba o seu persoal cobrando polos gastos de desprazamento, co encarecemento que iso supoñía para as arcas municipais. O cambio agora do Citroën Saxo de tres portas á furgoneta Renault Kangoo nova permitirá un traslado máis eficiente e seguro dos usuarios e as traballadoras, unha renovación da flota completamente avellentada (co perigo de sinistralidade e contaminación que carrexa) e incluso un aforro de costos ao ser máis eficiente (está equipado cos últimos sistemas de emisións, polo tanto tamén é medioambientalmente máis sostible). «O departamento de Servizos Sociais realiza visitas a domicilio a diario e mantén habitualmente reunións noutros organismos, polo que a necesidade dun vehículo en boas condicións e accesible a todo tipo de usuarios era evidente», resume Diego García, edil de Persoal.

Cunha flota de vehículos que supera os 15 anos de media, o Concello de Nigrán aposta por ir renovándoa pouco a pouco ano a ano, así con fondos da Xunta de Galicia xa se adquiriu en 2016 un todoterreo para a Policía Local ou un Dacia Sandero para o conserxe-notificador e un furgón Renault Traffic de 9 prazas en modo “renting” para o traslado de persoal de Vías e Obras.