Nóminas que roldan os 850 euros e material en mal estado no GES do Val Miñor

FOTO: CIG // Concentración do persoal do GES de Val Miñor no mercado de Sabarís.

O cadro de persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Val Miñor comezou hoxe un calendario de mobilizacións para denunciar a precariedade laboral e reclamar un convenio colectivo que regule as condicións de traballo. As protestas inclúen concentracións nos mercados e diante das casas consistoriais de Baiona, Gondomar e Nigrán.

Dende a CIG denuncian que o GES do Val Miñor carece dende hai dez anos dun convenio colectivo que regule os dereitos laborais do cadro de persoal, tendo que aturar unhas condicións salariais e materiais de absoluta precariedade. Así, critican que as nóminas roldan os 850 euros ao mes e que os vehículos que usan para desprazarse e para apagar o lume, así como as ferramentas utilizadas para a excarceración de persoas, se atopan en mal estado.

Diante disto, optaron por convocar unha serie de protestas para reclamarlle á Mancomunidade que poña fin a esta situación. As mobilizacións comezaron esta mañá cunha concentración no mercado de Sabarís-Baiona, e está previsto que se prolonguen durante este mes.

O xoves día 5 acudirán ao Concello de Baiona ás 11:30 horas, mentres que pola tarde trasladaranse ao de Gondomar. Para o día 16 teñen previsto concentrarse de novo no mercado a partir das 10:30 horas, e o 25 farano no Concello de Nigrán ás 19:30 horas.

Anuncios