Anuncios
Ticker de novas

Este luns bota a andar un novo curso da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Inicio do curso na Escola de Cantería.

Este luns 2 de outubro iníciase o novo curso na Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra para un total de 30 alumnos e alumnas que se formarán neste centro, situado no concello de Poio, ata finais de xuño do ano que vén.

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra está dirixida a persoas menores de 35 anos, que teñan na súa posesión o título de graduado escolar ou que rematasen o nivel educativo equivalente. O centro educativo oferta dúas modalidades de formación, a ordinaria, en primeiro lugar, para a formación en canteiro ou canteira e mestre ou mestra, maila específica, en horario nocturno, dirixida a persoas con coñecementos previos en cantería.

Este ano a Escola de Cantería conta con 12 alumnas e alumnos en formación ordinaria, distribuídos entre cinco anualidades (a formación en canteiro ou canteira dura tres anualidades, mentres que a de mestre ou mestra dura cinco). Nesta modalidade, o alumnado recibe formación nas materias de debuxo artístico, debuxo técnico, construción, historia da arte, cantería, escultura e modelado. Polo outro lado, este ano están matriculadas na formación específica un total de 17 persoas, que recibirán formación en escultura e cantería.

Desde o ano 1979 a Escola de Cantería ensina a traballar a pedra e a estimular a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector da elaboración dos traballos en pedra. As persoas que estudan na Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra reciben unha formación moi completa estudando, ademais de cantería, modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción e realizando prácticas de laboratorio e informática. Xunto á formación regrada para obter o título de canteira ou canteiro e mestra canteira ou mestre canteiro, tamén se imparte formación complementaria sobre programas de deseño asistido, cursos de Autocad, de Photoshop, de primeiros auxilios ou de riscos laborais.

A formación que o alumnado recibe nesta Escola é eminentemente práctica e así, moitas das súas obras de arte, como cruceiros, monolitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas están a ser situadas en lugares de Galicia, de toda España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas están a traballar na restauración do Capitolio de Washington, a restauración do barrio de Chiado de Lisboa, traballos de restauración e rehabilitación da Catedral de Santiago, a construción da Sagrada Familia de Barcelona e tamén na Catedral de Westminster, de Londres.

Anuncios