Detido un veciño de Nigrán por intento de roubo nas cabinas da peaxe da autoestrada

FOTO: GARDA CIVIL

A Garda Civil detivo a un veciño de Nigrán, J.R.C., de 44 anos, acusado de dúas tentativas de roubo e danos nas cabinas das dúas peaxes existentes na autoestrada AG57, situadas no municipio de Nigrán.

A finais do pasado mes de agosto, Autoestradas de Galicia denunciou no Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán que lles fracturaban o cristal de dúas cabinas de cobro automático, en senllas peaxes da autoestrada, situadas á altura da rotonda de Vilariño, na parroquia de San Pedro da Ramallosa (Nigrán).

A través das cámaras de seguridade da peaxe a Garda Civil puido comprobar que se trataba da mesma persoa que xa fora detido por outros tres roubos cometidos a finais do pasado ano, nas mesmas cabinas.

A pesar de que o presunto autor non conseguiu levar diñeiro, porque desde os últimos roubos xa non se deixaban cambios pola noite nestas cabinas, os danos ocasionados pola rotura dos cristais foron cuantiosos.

As pescudas concluíron coa súa nova detención como presunto autor dunha tentativa de roubo continuado e danos.

Do mesmo xeito que ocorreu na vez anterior, o detido recoñeceu a autoría dos feitos e quedou en liberdade, pendente de ser citado polo Xulgado de Instrución de garda de Vigo. Nesta ocasión alegou que o facía en vinganza, xa que o Xulgado obrigoulle a pagar os danos ocasionados nos outros roubos de finais do ano anterior.