Nigrán retira o lixo do Esteiro do Miñor por terceiro ano consecutivo

O Concello de Nigrán súmase por terceiro ano consecutivo ao “Proxecto Móllate polos Ríos” coordinado pola asociación ecoloxista Adega para limpar novamente o esteiro da Foz, na Ramallosa, o domingo 1 de outubro. Trátase da “X Limpeza Simultánea” e terá lugar en ríos que atravesan medio cento de municipios de Galicia e sempre grazas ao labor de grupos de voluntarios, xa que se trata dunha iniciativa que busca a concienciación social.

No caso de Nigrán invitarase a todos os inscritos no proxecto de voluntariado para a rexeneración do sistema dunar de Praia América-Panxón e tamén está aberto a toda aquela persoa que desexe participar, que deberá presentarse xunto á capela da Alameda de San Campio (A Ramallosa) ás 9.00 horas horas para poder realizar a limpeza no esteiro con marea baixa.

O Concello facilitará camisetas conmemorativas da xornada, bolsas, luvas e pinchos para recoller o lixo máis comodamente, recomendándose levar botas de auga. A xornada alongarase durante hora e media aproximadamente finalizando cunha pequena merenda.

O Concello de Nigrán participa nesta xornada dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno. Dende entón, grazas o labor dunha vintena de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz preto de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

“Este é un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito. Dende o inicio eliximos o Esteiro de A Foz porque é un espazo que abrangue aos tres municipios do Val Miñor e que posúe unha gran riqueza natural que debemos preservar ao máximo entre institucións e veciñanza”, subliña o edil de Medio Ambiente, Diego García.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.