Baiona recibe a un grupo de alumnos do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo

Esta mañá o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, recibiu no Concello a un grupo de estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo.

O Alcalde deu a benvida aos mozos resaltando a importancia destes proxectos internacionais, xa que ademais de servir para que se coñeza Baiona no exterior, neste caso en Arxentina, serven para afianzar os lazos entre ambos os dous lugares, moi unidos debido á gran cantidade de galegos, entre eles moitos baioneses, que emigraron a este país.

Os alumnos entregaron ao rexedor unha pequena placa na que se pode ver un debuxo dun grupo de persoas bailando o tango, típico baile arxentino. Pola súa banda o consistorio entregou a cada alumno unha bolsa con información turística da vila.

Os estudantes recibidos no consistorio son alumnos do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, o único centro que está financiado pola Xunta de Galicia fóra das fronteiras da nosa comunidade. Os alumnos, na súa gran maioría descendentes de galegos, imparten clases de lingua galega así como tamén materias de cultura galega, historia de Galicia, xeografía…

Os mozos que se atopan no seu último curso de estudos antes de iniciar a universidade realizan a viaxe a Galicia como excursión de fin de curso. Chegaron á nosa comunidade esta semana e durante 15 días percorrerán diferentes zonas de Galicia.

Tras a visita ao consistorio baionés os mozos fixeron un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da Real Vila, entre os que se atopan o monumento Encontro Entre Dous Mundos, o Parador, o Paseo Ribeira e o Centro histórico, para terminar, como broche final da visita, cun percorrido pola Casa da Navegación de Baiona e a Carabela Pinta.

Anuncios