A Xunta inviste preto de 12.000 € na modernización e mellora de comercios de Baiona

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina preto de 175.000 euros á modernización e mellora da imaxe do comercio de proximidade a través da concesión de axudas para a reforma e acondicionamento de 30 locais comerciais na área territorial de Vigo. A través desta mesma orde de axudas, preto de 16 comerciantes contarán co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver novas fórmulas de promoción e comercialización en liña.

Estas axudas, das que deron conta hoxe a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

Segundo recordou Vázquez, este plan, que contempla 55 accións específicas ata 2020, ten contribuído ao reforzo do sector, que no mes de xullo conseguiu incrementar as súas vendas nun 1,2% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, por riba do crecemento a nivel estatal, que se sitúa nun 0,7%. Do mesmo xeito, segundo a enquisa do Instituto Nacional de Estatística, o emprego medrou no mesmo período nun 1,7%, unha décima por riba da media nacional.

Atendendo aos datos por concellos, a meirande parte das axudas correspóndense con establecementos de Vigo. Concretamente na urbe de cabeceira da área territorial concedéronse apoios por valor de máis de 103.000 euros a repartir entre 13 locais. A Moaña, con 6 beneficiarios, destinaranse máis de 30.000 euros; a Baiona (3) un total de 11.600; a Soutomaior (2) 8.200; a Cangas (4) máis de 16.000 euros; e a Mos e Redondela 2.200 e 3.000 euros respectivamente.

A través deste programa de axudas, concedéronse, por outra parte, un total de 16 tíckets de xestión de comunidades virtuais, que permiten acceder a outros tantos comercios aos servizos dun xestor de redes sociais (community manager), no marco do Programa de Social Commerce posto en marcha a través do convenio de colaboración coa Federación Galega de Comercio.

Este Programa de Social Commerce dirixirase fundamentalmente a afianzar o éxito dos comercios galegos no eido das novas tecnoloxías, fixando obxectivos empresariais e compartindo experiencias, novas fórmulas de promoción e comercialización, recursos e tendencias para mellorar a súa competitividade.

Con esta iniciativa, achégase ademais unha oportunidade laboral a tres mozos e mozas desempregados da área territorial de Vigo que previamente se formaron nun curso de márketing online-community manager dirixido ao sector comercial impartido pola Xunta no Centro das Novas Tecnoloxías de Galicia.

 

Anuncios