UCN presenta moción ao pleno para bonificar as herdanzas en vida

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, presenta moción ao pleno ordinario de setembro na que se propón modificar o art. 14 da Ordenanza Fiscal do Imposto Sobre o Incremento dos Terreos de Natureza Urbana (Plus-Valía), aplicando unha bonificación do 95% aos pactos sucesorios de apartación e pactos de mellora, dando así o mesmo tratamento fiscal contemplado na Lei do Imposto de Sucesións e Doazóns, tanto ás herdanzas “mortis causa”, como ás chamadas herdanzas en vida, circunstancia que o Concello de Nigrán non vén aplicando nos últimos anos e practicando liquidacións do Imposto sen redución algunha.

UCN entende que as citadas figuras xurídicas de apartación ou pactos de mellora que contempla a Lei 2/2006 de Dereito Civil de Galicia, como pactos sucesorios -habitualmente coñecidos como adianto de herdanza ou herdanza en vida-, teñen o mesmo tratamento fiscal contemplado na citada Lei de Sucesións e Doazóns, tanto entre cónxuxes como descendentes, polo que teñen a mesma condición que unha adquisición “mortis causa” tratásese, polo que o causante “falece” a efectos fiscais, pero transmite os seus bens en vida aos seus herdeiros.

UCN lembra que precisamente a Xunta aprobou a Lei 13/2015, pola que se modifica o Imposto de Sucesións e Doazóns, elevando o mínimo exento a 400.000€ por herdeiro, coa finalidade de reducir a carga impositiva aos herdeiros, pero con todo, o Concello de Nigrán parece querer ignorar, practicando liquidacións de Plus-Valía sen contemplar as bonificacións establecidas para as chamadas herdanzas ao falecemento, que deben ser aplicables tamén aos pactos sucesorios, tal e como estable a sentenza do Tribunal económico-administrativo Central, ao recoñecer o pacto sucesorio do Dereito Civil de Galicia, como unha adquisición “mortis causa”.

Fernández Comesaña, advirte que con independencia da polémica suscitada por recentes sentenzas do Tribunal Constitucional, expulsando do ordenamento xurídico os art. 107 e 110 da Lei de Facendas Locais, son moitas as sentenzas que están a anular todas as liquidacións de plus-valía practicadas polos Concellos, e como medida de prudencia algúns as están paralizando, á espera dunha nova regulación, prudencia que o Concello de Nigrán parece non ter, conclúe o portavoz independente.

Anuncios