El taller de risoterapia de “Conectadas 2017” llega a Gondomar

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana 26 novas accións formativas dentro do programa “Conectadas 2017”, promovido polo servizo de Igualdade da institución provincial, para 13 concellos da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán un total de máis de 300 mulleres destas vilas. Os inicios desta semana dos obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, terán lugar nos concellos de Cangas, Catoira, A Estrada, Gondomar, A Guarda, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Salvaterra, Vigo, Vilaboa e Vila de Cruces.

Este martes “Conectadas 2017” chega a Gondomar. 15 mulleres do Centro Cultural e Deportivo A Merced de Chaín iniciarán un obradoiro de risoterapia, no que os obxectivos son mellorar o estado anímico e o estado físico a través da risa: aprender a rirse dunha e dun mesmo e coas demais persoas; desenvolver a liberdade de expresión das nosas emocións e sentimentos; fomentar o entusiasmo e a actitude positiva, mellorar a autoestima e a vitalidade; impulsar o bo humor e crear novas relacións con persoas afíns; e sensibilizar acerca da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

“Conectadas 2017” ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: “Muller emprende” (emprendemento), “Muller e cultura” (dedicado ás artes visuais), “Actualízate” (alfabetización dixital), “Coas túas mans” (traballos manuais), “Porque ti o fas” (xardinería e ornamentación floral), “Súmate ao cambio” (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), “Ponte en forma” (deportes) e “Coidados persoais”.

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do “Conectadas 2017” un orzamento de 324.000 €. O pasado ano máis de 5.000 mulleres se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.

Anuncios