Sin categoría

Máis de 8 horas pedaleando para visibilizar o alzheimer

Tras correr 24 horas por Praia América e outras 24 por Castrelos, o mozo gondomareño Daniel Fernández Cerzón completou o pasado venres o terceiro e último reto da súa iniciativa “Reta 3 Móvete polo alzheimer”, coincidindo cos actos do día desta enfermidade (21 de setembro).

Ás 9:30 da mañá partiu en bicicleta desde o Centro de Día AFAGA na Avda. Beiramar de Vigo cun camiño de 180 km e 2.200 metros positivos por diante, pasando por Redondela, Mos, Porriño, Ponteareas, Salceda, Tui, A Guarda e Nigrán, acabando de novo en Vigo, onde visitou aos usuarios do centro.

Foron en total preto de 8 horas e 30 minutos en movemento sobre a bici unindo varios dos municipios onde AFAGA ten unha sede.

“Agradezo a todas as persoas que me apoiaron neste último reto polo alzheimer. Grazas a todos os alcaldes e concelleiros por saír a recibirme ao meu paso polos seus concellos, grazas aos tres valentes que me acompañaron algún tramo para facerme máis ameno o camiño, grazas a AFAGA polo seu apoio e axuda ao longo de todo o reto”, subliña Daniel.

Todo o que se recade nesta campaña irá destinado á realización de obradoiros e terapias con enfermos e familiares que serán impartidos por AFAGA. O número de conta para realizar calquera achega, por moi pequena que sexa, é IBAN: ES56 2100 4080 1122 0012 1884.

Fin de semana intenso e deportivo

O sábado pola mañá, tras durmir só 6 horas, Daniel levantouse ás 6:50 e dirixiuse á Andaina de 30 km PonteAndar en Pontevedra. “Desde a saída notaba algo pesadas as pernas pero ían moi ben e o percorrido impresionante”. Aínda que era un evento non competitivo, quedou primeiro clasificado tras 4 horas e 22 minutos e 1.000 metros de desnivel positivo.

E para acabar os dous días de tolemia, ese mesmo sábado de tarde, só 5 horas despois da Andaina, dirixiuse á Carreira Julia Vakero na Guarda, un total de 6,5 km nun circuíto de tres voltas cun par de costas que aínda que eran pequenas notáronse.

“Xa desde que empecei a carreira as pernas estaban esgotadas pero a miña ilusión intacta, sufrindo como nunca nalgún tramo da carreira e gozando noutros”. Finalmente, mellorou 43 segundos o seu récord e tardou 30 minutos 50 segundos, e despois de catro anos, volveu subir ao podio dunha proba como 3º clasificado da súa categoría. “Contentísimo do podio e acabando o fin de semana cun sorriso”.