Uns cupóns falsos incautados en Baiona levan ao desmantelamento dunha organización criminal

A Garda Civil desarticulou unha organización criminal dedicada á venda de cupóns falsos que figuraban a nome dunha falsa organización de axuda a persoas con discapacidades. A operación “Agida”, levada a cabo por efectivos do Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Vigo, concluíu coa detención e investigación penal de 11 persoas e a localización dun local en Moaña (Pontevedra), onde se imprimían os cupóns. A estas persoas, entre as que figuran os principais responsables do armazón delituoso, acúsaselles dos delitos de: contrabando, asociación ilícita, estafa, pertenza a grupo criminal, branqueo de capitais e contra os dereitos dos traballadores.

Os antecedentes desta operación remóntanse ao mes de novembro de 2020, que foi cando a Garda Civil e a Policía Local de Baiona incáutanse dunha serie de cupóns falsos, moi similares aos da ONCE, que ofrecían premios de ata 30.000 euros. Por mor das primeiras indagacións xa se puido pescudar que estes cupóns figuraban a nome dunha suposta asociación benéfica de axuda a persoas discapacitadas e que, tanto os teléfonos como os medios de contacto para a cobranza dos premios, non eran máis que unha pantalla para ocultar aos verdadeiros emisores destes boletos de lotería ilegal.

Ao constatar que existía unha rede de vendedores con discapacidades en diferentes localidades da provincia de Pontevedra e, tras comprobar que todos os cupóns foran impresos cos mesmos medios técnicos, púidose evidenciar a presenza dunha infraestrutura e unha rede de distribución organizada. Partindo destas premisas, levouse a cabo unha exhaustiva investigación tutelada polo Xulgado de Instrución número 6 de Vigo, co obxecto de identificar aos presuntos responsables da fabricación e comercialización desta lotería ilegal, que contou coa estreita colaboración dos Postos da Garda Civil da Compañía de Vigo.

Deste xeito, ao longo de varios meses, os axentes foron reunindo gran cantidade de información relativa ás relacións entre os vendedores a pé de rúa (que traballan sen contrato nin protección social por unha comisión mínima) e os distribuidores nunha rede similar ás de menudeo de drogas. Así mesmo, púidose evidenciar que esta organización veu operando baixo diferentes denominacións desde fai máis dunha década, non só no ámbito galego, senón tamén vinculada a outras organizacións no resto do territorio nacional, ocasionando graves prexuízos aos vendedores legais de organizacións como a ONCE.

Durante a investigación, identificáronse as vías de distribución (principalmente camuflados en paquetería comercial), os leitos do fluxo de diñeiro en efectivo (xa que evitaban custe o que custe deixar rastro con depósitos ou transaccións bancarios) así como o lugar de fabricación. Tras máis dun ano de investigación, o pasado mércores, día 2, procedeuse á detención simultánea das dúas mulleres consideradas xefas da organización, veciñas de Vigo, de 73 e 49 anos e o responsable da fabricación dos boletos, un home que tiña a súa infraestrutura de impresión radicada en Moaña, tamén de 49 anos.

Leváronse a cabo varios rexistros domiciliarios e na imprenta, onde se incautaron dunha importante cantidade de dispositivos informáticos utilizados para o deseño e maquetación dos boletos. Tamén se interviñeron 11.620 € en efectivo, gran cantidade de documentación relacionada coa contabilidade do xogo ilegal así como máis de 300.000 cupóns dispostos para a súa venda, polo importe de 2 e 1 €, que xerarían no mercado máis de 360.000 €., ademais doutros formatos de xogos ilegais, como case 30.000 “rascas”.

A estas persoas atribúenselle delitos de contrabando, asociación ilícita, estafa, pertenza a grupo criminal, branqueo de capitais e contra os dereitos dos traballadores. Simultaneamente, procedeuse á investigación doutras oito persoas en diferentes puntos de Galicia, País Vasco, Estremadura e Andalucía pola súa participación, en diferentes graos, dentro da organización investigada. As dilixencias instruídas e o material intervido entregáronse no Xulgado de Instrución Nº 6 de Vigo.

Fraude ao consumidor

Ademais de resultar unha actividade nociva para os intereses das institucións públicas e das organizacións benéficas legalmente constituídas, as loterías ilegais supoñen un claro expoñente das denominadas “estafas de caridade” xa que se aproveitan da boa vontade do consumidor para alimentar estruturas de corte mafioso que pouco teñen que ver coa protección de colectivos vulnerables.

A Garda Civil recomenda que, para estar protexidos fronte a fraudes e falta de pagamento de premios, así como de evitar que a nosa achega caia nestas redes ilegais débense comprar os boletos ou loterías a organizacións rexistradas e autorizadas polas autoridades competentes.