Detida unha parella por varios roubos en cafeterías do Val Miñor

FOTO: PEPE COSTAS // Cuartel Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán.

A Garda Civil detivo a dous mozos, veciños da comarca do Baixo Miño, acusados da comisión de dous roubos con forza cometidos en senllas cafeterías de Baiona e outros dous en grao de tentativa en Gondomar e Nigrán.

A investigación do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciouse a raíz do primeiro roubo que se había perpetrado e denunciado o día 7 deste mes nunha céntrica cafetería de Baiona. Durante a noite forzaron a porta de entrada ao local, fracturaron o frontal dunha máquina recreativa e levaron os caixóns coa recadación, segundo informou a Comandancia.

Apenas dúas semanas despois, a escasos metros da cafetería anterior cométese outro roubo, noutro bar e co mesmo modus operandi, onde tamén se apropiaron da recadación da máquina recreativa. As investigacións iniciadas para o esclarecemento destes dous roubos permitiron identificar aos seus presuntos autores, un mozo e a súa compañeira sentimental, que actuaban sempre coa cabeza cuberta e co mesmo vestiario.

Unha vez coñecidas as súas identidades púidose comprobar que o home tiña unha orde xudicial de afastamento da súa compañeira sentimental por mor dunha denuncia por malos tratos.

A estes dous mozos púidoselles relacionar tamén con dúas tentativas de roubo en senllas cafeterías de Gondomar e A Ramallosa (Nigrán), que se cometeron a mesma noite do segundo roubo en Baiona. Con idéntico modus operandi, pretenderon forzar as portas de entrada dos locais cando se viron sorprendidos e tiveron que darse á fuga.

A investigación concluíu coa detención de AA.A.S, de 31 anos, cando saía de visitar á súa compañeira sentimental, M.R.E., de 28 anos, que estaba hospitalizada nun centro médico de Vigo.

Ao home, en calidade de detido e á moza, en calidade de investigada, por estar hospitalizada, atribúeselles a comisión de catro roubos con forza nas cousas, dous deles consumados e dous en grao de tentativa.

Ao mesmo tempo, ao arrestado instruíronselle dilixencias por un delito de quebrantamento de condena, por non respectar a orde xudicial de afastamento que tiña da súa parella, por un delito de malos tratos. O detido foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vigo que decretou a súa liberdade provisional con cargos.