A Mancomunidade aproba a concesión da piscina con algunhas das achegas do BNG

Para o BNG todo o procedemento de renovación da concesión da piscina mancomunada vén viciada desde o inicio da súa tramitación. Comezando porque á Xunta de Goberno da Mancomunidade se lle pasou a data de vencemento da mesma, provocando que logo de dous anos sigamos nunha situación de prórroga provisional. “Este feito viulle moi ben á empresa concesionaria para consolidar unha alternativa privada no Val Miñor e levou unhas incertezas que veñen afectando negativamente tanto aos usuarios e usuarias do servizo como aos seus traballadores e traballadoras”, subliña Xosé Marcote.

Non contentos con isto, tense comprobado fehacientemente unha serie de incumprimentos e vicios que o Bloque Nacionalista Galego considera que deberían terse iniciado varios expedientes sancionadores. Uso indebido de datos de contacto para o envío de publicidade doutra instalación, falta de mantemento das instalacións de renovación de equipos, redución de cursos e horarios e traslado de persoal son algunhas das actuacións que a empresa concesionaria vén desenvolvendo impunemente. “Si vén é certo que o Presidente da Mancomunidade recoñeceu ter trasladado apercibimentos, estes non foron suficientes, a tenor dos feitos”.

A consecuencia é que nunha instalación con máis de 4.000 abonados e unha media de usuarios diarios entre 800 e 1000 producíronse máis de 800 baixas durante este período de incerteza, si ben foi compensado en parte cunhas 400 novas altas. “E cómo non se van producir estas baixas si téñense reducido cursos que xa estaban completos, debendo ter que notificarlles que se anulaban”, recorda o concelleiro nacionalista.

“Recentemente máis de 150 usuarios recibiron unha chamada deste tipo. É curioso, porque no estudo de viabilidade precisamente relátase unha marxe asumible de baixas entorno ao 29% e de cursos de un día a semana do 77%, nada máis e nada menos”.

O Bloque Nacionalista Galego considera fundamental que se resolva esta situación dunha e vez e percibe un deixamento e despreocupación xeral da maioría dos membros da Xunta da Mancomunidade, confirmado no momento en que só o BNG foi quen de presentar alegacións aos pregos e que na comisión informativa para o debate das mesmas só acudisen os concelleiros do BNG en Baiona e Nigrán, o Alcalde de Nigrán, o Alcalde de Baiona e un concelleiro do Partido Popular e do PSOE baionés. “Isto non menoscaba a actitude dialogante e con ánimo de entendemento que se
desenvolveu nesa comisión informativa, o que permitiu enriquecer a proposta definitiva, concretando a inversión inicial obrigada para a instalación de aire acondicionado na sala de fitness e que o canon anual variable teña un tope mínimo de 10.000 €, o que garantirá que a empresa concesionaria evite a tentación de desatender os servizos na instalación e a faga atractiva ao maior número de abonados e abonadas posibles”, destaca Marcote.

Mais os concelleiros do BNG lamentaron que non se puideran concretar outras propostas, sobre todo a que consideraron fundamental e sobre a cal se adquirira o compromiso de incorporar: estudar a posibilidade de xestión pública, eliminando a necesidade de determinar unha empresa concesionaria e encargándose a propia Mancomunidade de levar a cabo o servizo. “Dous son os aspectos fundamentais polos que esta cuestión é imprescindible, sendo o que determinou finalmente o sentido do voto nacionalista. A primeira é que se evidenciou que a Mancomunidade non ten ou non quere ter os medios necesarios para a fiscalización da execución do servizo, quedando á discreción da empresa concesionaria”.

“A segunda é meramente económica. Si aceptamos as proxeccións do estudo económico-fnanceiro presentado por Adantia, a xestión da piscina mancomunada reportará uns beneficios medios anuais de 30.000 €, recursos que serían de inestimable axuda aos maltreitos recursos da Mancomunidade do Val Miñor”.

Lamentabelmente, o BNG considera que o mencionado deixamento da maioría de grupos vai impedir esta posibilidade. “Entendendo que o Partido Popular ten no seu ADN a xestión pública a través de concesión privadas, non se pode obviar a responsabilidade do resto dos concelleiros da Xunta da Mancomunidade, que deberían ter outra perspectiva na xestión pública”.

É por isto que o BNG, para dar fin a esta incerteza que xa se alonga demasiado no tempo, e para posibilitar que os abonados e abonadas da piscina mancomunada teñan un mellor servizo que o actual e os traballadores e traballadoras podan ficar tranquilas coa súa situación laboral, non se vai opoñer á proposta presentada, mais non a pode apoiar na súa totalidade.

Independentemente disto, o BNG sinalou que seguen existindo cuestións que deberían modificarse para evitar precisamente que o proceso se alongue máis no tempo.

Observaron, neste aspecto, que no anexo do cadro de persoal existen variacións significativas respecto á realidade, o que pode producir complicacións na licitación, Por exemplo, relaciónase información sobre o Director do Centro Deportivo, sinalando unha antigüidade de 15 anos e hai constancia que a titularidade desta función foi modificada recentemente. O mesmo sucedeu con varios monitores, de recoñecida valía.

Consideraron os concelleiros nacionalistas que esta información debe ser fehaciente, xa que calquera empresa que opte á concesión podería consideralo motivo de anulación da licitación, feito que volvería a prorrogar o período de incerteza.

Segundo o BNG, tamén está a perderse unha ocasión para acometer outra serie de inversións nas instalacións, ao optar por unha concesión de só cinco anos de duración.

O BNG solicitou unha mellora da produción enerxética e bioclimatización, que sería un investimento a recuperar mediante un menor consumo de combustibles fósiles, a construción dun vaso pequeno e vestiarios para os traballadores e traballadoras. O compromiso adquirido é que unha vez vencida esta nova concesión estudarase acometelas. O BNG o demandará nese momento, agardando que o compromiso se cumpra, mais lamentando que teña que adiarse no tempo.

Outra cuestión, aceptada e aprobada no Pleno da Mancomunidade, foi que na proposta da Presidencia sometérase a aprobación o estudo económico-fnanceiro, propoñendo que se retirase dos puntos a aprobar e se incorpore como un antecedente, despois do último resultando, considerando que a Xunta da Mancomunidade non debe asumir a validez do mesmo, senón que sexa a empresa licitadora quen, tras o seu coñecemento e contraste, xulgue si o é ou non.

Finalmente, tras o remate de todo este proceso de licitación, o BNG esixirá da Mancomunidade do Val Miñor a correspondente fiscalización, en base ás obrigas por parte da concesionaria que se relatan nos pregos e se impoñan as sancións que correspondan, de ser o caso. Só así verase cumprida a obriga da Xunta de Mancomunidade de garantir que se desempeñe este servizo público do mellor xeito posible.

O compromiso final do BNG foi que á finalización dos cinco anos de concesión se opte por recuperar a mesma para acometela mediante xestión pública e se podan acometer tamén as inversións que reclamaron mediante a presentación de alegacións.

Anuncios