Ex alumnos da primeira promoción e ex directores do Centro Público Integrado Covaterreña de Baiona regresaron este luns ao colexio para celebrar o 45 aniversario da posta en funcionamento do centro escolar.
O CPI Covaterreña celebrou este luns a apertura do curso escolar 2017/2018 cunha data moi especial, o seu 45 aniversario. Ex alumnos, como o actual conselleiro Jesús Vázquez Almuiña, ou o primeiro director, Joaquín Maestu, asistiron a un acto no que tamén participaron o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; a concelleira de Educación, Beatriz González, e a actual directora, Isabel Martínez, así como escolares e profesores.
Tras a inauguración do curso, os invitados percorreron o centro e saudaron os alumnos que iniciaron xa as clases. Ademais, o conselleiro de Sanidade insistiu na necesidade de hábitos saudables por parte dos escolares.
Vázquez Almuiña referiuse á infancia como o momento clave para promover e educar en saúde. Sen restar importancia ao papel da familia, o conselleiro remarcou a importancia da escola “para fomentar e consolidar habilidades en todos os ámbitos do desenvolvemento e do auto coidado da saúde, orientando aos escolares a acadar hábitos saudables”.
Neste sentido, Almuniña manifestou a súa preocupación pola porcentaxe “cada vez maior de escolares con sobrepeso, obesidade ou diabetes tipo 2 son exemplos das consecuencias derivadas, entre outros factores, dun mal patrón alimentario”.
Coa plantación dunha árbore coma testemuña viva da visita, xunto co alumnado de 1º e 2º de educación primaria, rematou o acto.
As instalacións do CPI Covaterreña dan cabida diariamente a máis de 500 persoas. “Dende o centro axudamos a construír persoas, formándoos en moitas facetas ademais da estritamente académica: conservación do medio, novas tecnoloxías, hábitos saudables, primeiros auxilios… fornecendo o seu futuro que tamén é o da nosa vila e o principal obxectivo de todos os que aquí traballamos”, destacou Isabel Martínez, que ademais recordou que polo Covaterreña pasaron máis de 17.000 nenos e nenas.
“Coa colaboración de todos, administración, persoal do centro, alumnado, ANPA e familias, agardamos poder seguir outros 45 anos axudando a construír persoas neste centro que é o centro de todos”, concluíu a directora.












