UCN ve con preocupación e escepticismo o futuro do PXOM de Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, ve con preocupación e escepticismo o futuro do PXOM -como xa advertise o pasado mes de xaneiro-, cando tivo coñecemento de que a actual empresa encargada da redacción do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Nigrán, EPTISA, fose vendida a un grupo investidor Chinés, levando a cabo un expediente de regulación de emprego co persoal técnico e que ía ter consecuencias negativas para a pronta e eficaz finalización do documento urbanístico, que por outra banda, vén acumulando alarmantes atrasos, polo que está a xerar unha gran incerteza e preocupación entre os veciños. Así mesmo lamenta profundamente que os peores presaxios cumpríronse, ante o novo escenario de abandono da empresa EPTISA, despois da cesión do contrato aprobado o 27/11/2014, levado a cabo polo PP, confirmando que os atallos non sempre son bos.

UCN lembra que foi en xuño de 2008 co PSOE no goberno cando se aprobou a adxudicación do contrato á empresa UTE ARNAIZ TINSA, SL por un período máximo de 18 meses, e xa van transcorridos máis de 9 anos, sen que aínda Nigrán conte cun PXOM aprobado e que a este paso dubidan moito que poida ser aprobado na presente lexislatura.

“A pesar de que o 14/6/2013 co PP no goberno local, fixo unha aprobación inicial á desesperada, que deu lugar á presentación dunhas 1.500 alegacións no período de exposición pública do documento, e que orixinou un traballo adicional de rectificación, tanto na cartografía utilizada como en corrixir os informes negativos, tanto sectoriais (augas, infraestruturas, Costas, Portos, Patrimonio, etc), como os emitidos pola Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta, por un traballo moi deficiente”, sinala Fernández Comesaña.

UCN lembra que xa en febreiro de 2013 presentou moción para esixir responsabilidades e rescindir o contrato ao anterior equipo redactor por grave incumprimento contractual, e proceder a unha nova licitación, proposta que foi rexeitada, “e por desgraza atopámonos agora ante unha nova encrucillada cun futuro cada vez máis incerto”.

UCN aínda que valora positivamente a continuidade do mesmo equipo técnico que leva traballando no PXOM nos últimos tres anos -ante unha posible nova cesión do contrato a outra empresa-, tal como propón o alcalde Juan González, “pero temos serias dúbidas da legalidade da proposta exposta, xa que aínda non dispoñemos dos preceptivos informes técnicos e xurídicos que a avalen, para poder pronunciarnos”.

Fernández Comesaña volve insistir que o principal problema do PXOM é económico, se xa era imposible realizalo por 200.000€ na adxudicación a Arnaiz-Tinsa, que terminou crebando, máis difícil resulta agora poder facelo por pouco máis de 90.000€, cando mesmo hai que refacer gran parte do traballo mal realizado, “que nunca tería que haberse pagado”, conclúe.