Anuncios
Ticker de novas

O baionés Bernardo Montaña presenta “Coma un Allo”, o novo concurso da TVG

FOTO: TVG // Bernardo Montaña xunto con María Canosa e Jorge Mira.

A Televisión de Galicia estreou o pasado luns o concurso “Coma un Allo”, un formato apto para toda a familia, baseado na dinámica de preguntas e respostas, e que cada día trata de profundar nun tema de interese xeral, sexa o tempo, as supersticións ou o universo.

O programa, presentado polo baionés Bernardo Montaña, unha cara moi coñecida para todos os espectadores da TVG, artéllase en sete bloques. Os tres concursantes que concorren en cada programa terán que enfrontarse a preguntas de cultura xeral, ciencias e tamén a preguntas de proximidade, referidas á xeografía e á cultura galegas.

Ademais, os concursantes de “Coma un Allo” terán que resolver no mínimo tempo posible operacións aritméticas sinxelas, compoñer palabras agochadas e buscar o termo exacto para unha definición. Para iso contarán co asesoramento de dous expertos colaboradores: a escritora María Canosa e o científico e divulgador Jorge Mira. Eles serán os que guiarán cada un dos bloques, resolverán dúbidas e ampliarán a información que se vaia coñecendo.

O concursante que conclúa con menos puntos será eliminado, mentres que os outros dous continuarán o seguinte día. O que resulte gañador pasará a un último bloque, consistente nunha única pregunta pechada. De responder acertadamente, conseguirá o bote final. Se non atina, o bote sumará cada día 150 euros.

Nesta ligazón pódense ver os programas emitidos de “Coma un Allo” a través do servizo “Á Carta” da Televisión de Galicia.

Anuncios