Anuncios
Ticker de novas

Baiona recibe a súa campioa de piragüismo Iria Ludeña

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Raúl Costas, Iria Ludeña e Ángel Rodal no Concello.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e o concelleiro de Actividades Marítimas, Raúl Costas, recibiron este xoves á nova deportista Iria Ludeña tras proclamarse hai uns días campioa galega de piragüismo en augas de Arousa.

Os edís recibiron á pequena no Concello de Baiona e entregáronlle un agasallo para felicitala pola súa vitoria na categoría Alevín B, na modalidade de K-1 1.500 metros. Iria Ludeña, que acudiu á recepción acompañada polos seus pais e a súa irmá, ten tan só 11 anos e comezou hai tres anos a practicar piragüismo no club Kayak Tudense.

Veciña da Praza de Santa Liberata de Baiona, xa acadou o ano pasado a terceira praza no Campionato Galego benxamín. “É un orgullo para Baiona ter unha campioa e Iria xa é un exemplo para os máis pequenos da Vila”, indicou o alcalde.

Iria Ludeña obtivo o primeiro posto na categoría feminina Alevín B por diante de Uxía Davila, do Club Ría de Aldán, e de Daniela Álvarez, do Club Río Verdugo. A baionesa, tal e como explicou o seu pai, comezou no piragüismo animada pola súa curmá, Lara Feijoo, tamén campioa de Galicia e de España na categoría cadete.

2017-09-16 - 170914 Ángel Rodal recibiu no Concello a Iria Ludeña, que chegou acompañada polos seus pais e a súa irmá

Anuncios