Nigrán vese obrigado a unha nova cesión do contrato de redacción do PXOM

O Alcalde de Nigrán, Juan A.González, propuxo esta tarde en Xunta de Portavoces a cesión do contrato de redacción do PXOM a «Alfonso Botana S.L.» ao tenor da nova realidade empresarial de Eptisa, a empresa responsable da redacción do documento en Nigrán e noutros 16 concellos galegos.

A adquisición de Eptisa por parte da multinacional chinesa JSTI trouxo consigo un cambio de orientación empresarial ao prescindir da súa sección de planeamento urbanístico e, con elo, da tramitación do PXOM de Nigrán e demais municipios. Como consecuencia, Eptisa propón agora a cesión do contrato a «Alfonso Botana S.L.», nova empresa formada polo seu director e equipo técnico de planeamento.

«Este cambio de empresa pero non de equipo técnico garante que o documento se siga a desenvolver segundo os prazos previstos e sen incidencias, por iso é urxente aprobar esta cesión», expón o rexedor, quen recalca que o arquitecto Alfonso Botana e o seu persoal continúa a traballar no documento con absoluta normalidade. «Siguen avanzando na súa execución e temos o compromiso de que así sexa durante toda a fase de tramitación da solicitude de cesión, que debe ser aprobada en Pleno. O obxectivo firme é presentar o documento a Aprobación Provisional o próximo ano, tal e como estaba previsto», explica o alcalde.

Nesta liña, Botana acudíu á Xunta de Portavoces desta tarde para informar de primeira man aos membros da corporación e durante toda esta semana se desprazou co seu equipo técnico ata o Concello de Nigrán para traballar xunto ao persoal de Urbanismo e o goberno. «O desenvolvemento do PXOM non se verá afectado con esta cesión, o equipo de Botana ten a nosa máxima confianza porque xa dende Eptisa amosou a súa profesionalidade e compromiso con Nigrán. O PXOM non é un documento de goberno, é de toda a corporación, que ata agora amosou un total compromiso coa aprobación do documento que agardamos que se manteña», insiste González.

Ante a nova situación en Eptisa, o goberno de Nigrán mantivo diferentes encontros coa Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, Dirección Xeral de Calidade Ambiental e FEGAMP, organismos que apostan tamén por axilizar o documento urbanístico ao máximo e coas máximas garantías. Pola súa banda, o goberno convocará próximamente ao Consello Sectorial para informar de todas as novidades.