Sin categoría

Máis de 200 atletas participarán no tríatlon máis solidario de Baiona

Este sábado regresa a Baiona o Vertiatlón Solidario, unha competición deportiva pola inclusión social que ten como principal obxectivo recadar fondos para a Escola de Vela Adaptada do Monte Real, que facilita a persoas con diversidade funcional o seu achegamento ao mar en igualdade de condicións.

Organizado de forma conxunta polo club de iates e o concello de Baiona co patrocinio de Verti Seguros e a colaboración de numerosas marcas e empresas, o Vertiatlón Solidario cumpre neste 2017 a súa terceira edición coa participación de máis de 200 atletas chegados de diferentes puntos de Galicia.

O vindeiro sábado, a partir das catro da tarde, os participantes deberán completar as tres probas dun tríatlon sprint que coordinará a Federación Galega de Tríatlon. Un percorrido a nado entre as praias da Barbeira e A Ribeira, no núcleo urbano de Baiona, será o primeiro dos desafíos, ao que seguirán os 20 quilómetros en bicicleta dun circuíto de varias voltas entre as rotondas de Baredo e Santa Marta. A última proba do día serán 5 quilómetros de carreira ao redor do Parador Nacional.

Na presentación oficial do Vertiatlón Solidario, celebrada esta mañá nunha rolda de prensa en Baiona, o vicepresidente do Monte Real Club de Yates, Alejandro Retolaza, mostrouse moi satisfeito pola gran acollida que volve ter a proba. “É o terceiro ano consecutivo que celebramos o Vertiatlón e volvemos superar a cifra de 200 persoas inscritas -dixo- , 200 deportistas solidarios que farán posible que moitas persoas con discapacidade poidan seguir gozando do mar a través da nosa Escola de Vela Adaptada”. O vicepresidente do Monte Real quixo agradecer tamén o apoio que prestarán á competición os máis de 100 voluntarios inscritos para as tarefas de organización.

Na rolda de prensa celebrada esta mañá en Baiona tamén interveu o presidente da Federación Galega de Tríatlon (FEGATRI), Óscar José Surís, quen ademais de explicar os detalles da proba, anunciou que o sábado estará no Vertiatlón entre os participantes, tentando completar as tres probas no mellor tempo posible.

A Escola de Vela Adaptada do Monte Real, á que irá destinado todo o diñeiro que se recade, centrou a intervención do deputado delegado de turismo da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez. Dixo que é “un instrumento que garante a igualdade de oportunidades”, e un “vehículo para mostrar os valores máis humanos do deporte”.

O aspecto inclusivo da iniciativa foi tamén o argumento da intervención do delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López Chaves, que aproveitou a ocasión para encomiar o programa “Amaromar”, outra das accións de inclusión social que o goberno autonómico impulsa en colaboración co Monte Real.

Á presentación do Vertiatlón tamén asistiron a xefa territorial da Consellería de Política Social, Marta Iglesias; a concelleira de turismo en Baiona, Beatriz González; e a responsable de márketing de Begano-Coca Cola, María Troncoso.

O terceiro Vertiatlón Solidario volverá ter como madriña á olímpica Susana Rodríguez Gacio, e sorteará entre os participantes unhas zapatillas asinadas por Usain Bolt, réplica das que usou na súa despedida das pistas este verán no Mundial de Atletismo celebrado en Londres.

As botas do once veces campión mundial e oito olímpico, creadas exclusivamente para a súa última carreira, sortearanse durante a entrega de trofeos aos gañadores, que dará comezo ás sete menos cuarto nas instalacións do Monte Real Club de Yates.