Anuncios
Ticker de novas

A campaña “Devólvelle a confianza” promove a adopción de cans maltratados

“Pareceunos acaído empregar a campaña de adopción deste ano para, primeiro sensibilizar sobre o maltrato e os límites de ata onde estamos chegando como sociedade, e segundo, dar a entender á xente que estes animais merecen unha segunda oportunidade, e que a mellor maneira para que se recuperen é precisamente integralos nun entorno familiar, porque son perfectamente recuperables despois dos coidados axeitados” asegurou esta mañá a deputada delegada do CAAN –Centro de Acollida e Protección de Animais de Armenteira–, Eva Vilaverde, durante a presentación da nova campaña de sensibilización e adopción de cans. A deputada estivo acompañada polo xefe de servizo de Asistencia Intermunicipal, Gabriel Rodríguez, polo xefe do Servizo Veterinario, José Luis Pedreira, e por Ramón Pérez, un veciño de András, Vilanova de Arousa, que acaba de adoptar un dos cachorros maltratados recollidos en Soutomaior.

Eva Vilaverde volveu insistir en que “o propio abandono supón xa de por si maltrato”, e sinalou que “un 15 % dos cans recollidos no CAAN presentaban lesións ou enfermidades graves no momento da súa entrada provocadas por neglixencias e accidentes, pero tamén por situacións obvias de maltrato severo”. Para chamar a atención sobre este problema e realizar unha sensibilización entre a sociedade, desde a Deputación articúlase a campaña que leva por lema “DEVÓLVELLE A CONFIANZA. Campaña de rehabilitación de animais maltratados”. A campaña inclúe 10.000 cartaces que se pegarán por todos os concellos da provincia e se repartirán entre as entidades colaboradoras, así como 100.ooo trípticos informativos con datos básicos sobre maltrato e os enderezos para poder realizar adopcións a través do CAAN, que tamén se repartirán en concellos, entidades colaboradoras, e centros educativos de primaria e secundaria, colexios de veterinarios e universidades. A campaña tamén terá presenza nos medios de comunicación a través de insercións de banners nos medios dixitais, e de encartes que se difundirán o domingo día 3 a través de todos os xornais con difusión na provincia de Pontevedra.

Situacións extremas

A deputada nacionalista asegurou que “a Deputación non podía quedar impasible ante os casos tan graves de maltrato animal que se detectaron neste últimos tempos” en referencia aos casos de Soutomaior e Ponte Caldelas, nos que as e os técnicos do CAAN tiveron unha intervención directa para facerse cargo dun gran número de cans en situación de maltrato en sendas parcelas particulares. Casos que Eva Vilaverde cualificou como “situacións extremas que precisaron tanto tratamentos médicos como intervención psicolóxica”.

Vilaverde lembrou que no caso de Ponte Caldelas se retiraran 9 cans vivos adultos, 2 cadáveres con signos de maltrato para a realización de necropsia, e 5 cranios sen determinar a especie. Os 9 cans, de razas grandes, foron identificados e trasladados ao centro, nunhas condicións de parasitación moi forte e en condicións corporais moi malas. Unha vez que o xulgado autorizou a súa cesión, 6 xa foron adoptados e 3 continúan en proceso de recuperación no centro.

No caso de Soutomaior, retiráranse 12 cans vivos –7 adultos e 5 cachorros–, e 3 cadáveres para necropsia. O cans recollidos tamén presentaban moi malas condicións sanitarias, con sarnas e infeccións graves de pel e feridas, e de feito, 2 faleceron no centro. Actualmente, despois da pertinente autorización do Xulgado, 6 foron adoptados e 4 seguen agardando.

“Teñamos claro que para o CAAN, os animais que sufriron maltrato grave son grupo prioritario para conseguir a súa adopción, porque supón unha das maneiras máis eficientes para conseguir a súa total recuperación” insistiu a deputada. E como exemplo explicou o caso de Otto, un dos cachorros recollidos en Soutomaior e que despois de dous meses de recuperación física e psicolóxica foi adoptado por Ramón Pérez, un veciño de András, no concello de Vilanova de Arousa. Ramón Pérez asegurou rotundo “o can agora non ten nada que ver”, referíndose á boa adaptación do animal na contorna familiar. Ramón tamén explicou que o proceso de adopción é moi doado porque “entréganche o can xa vacinado, desparasitado e co microchip instalado e facilitan moito todos trámites”. Neste punto a deputada lembrou que todo o proceso de adopción é de balde.

Pola súa banda, o xefe do Servizo Veterinario do CAAN, José Luis Pedreira, explicou que os animais que sofren maltrato severo, como os recollidos en Soutomaior e Ponte Caldelas, precisan tratamentos veterinarios e unha intervención a nivel psicolóxico importantes. “Temos que devolverlle a confianza nas persoas, e cando conseguimos que os cans confíen en nós, é cando os podemos dar en adopción” sinalou o veterinario. No caso de Soutomaior asegurou que lles levou aproximadamente dous meses de terapia conseguir que os cans recuperasen a confianza nas persoas. Tamén un dos animais recollidos en Soutomaior, unha cadela de 8 anos, ten protagonismo directo na campaña, xa que as fotos de como se atopaba no momento da recollida e como se atopa agora son as que ilustran o folleto que se distribuirá a través dos medios de comunicación, e nos concellos, colexios e universidades. “Non hai máis que ver o aspecto que presentaba ao chegar e como está na actualidade, ata na postura e na actitude se lle nota o cambio, e é unha das que está esperando a ser adoptada” afirmou José Luis Pedreira.

Recollidas e adopcións no pasado exercicio

Durante o ano 2016, o CAAN realizou un total de 1.550 intervencións. Destas intervencións, 315 cans xa foron devoltos ao seu propietario no lugar do aviso; 214 foron recollidos polo propietario no centro, e 969 entraron no centro.

En canto ás cifras de adopcións, durante o 2016 foron adoptados 445 cans, o que supuxo un grande aumento con respecto ao ano 2015, no que foran adoptados 320. Desde a posta en marcha da campaña da Deputación “ADOPTA, ESTÁ NA TÚA MAN”, en xuño pasado e ata decembro de 2016, tramitáronse 245 adopcións, o que supón unha media de 38 cans adoptados ao mes. Neste sentido, Eva Vilaverde indicou que “a intención é que este dato suba a través da campaña deste ano que estamos iniciando hoxe”, e lembrou que neste momento preto de 600 animais permanecen no CAAN.

Vilaverde tamén fixo fincapé en que “a páxina web segue a ser un instrumento fundamental, xa que se mantén como unha das máis visitadas da Deputación con máis de 90.000 visitas desde a súa posta en marcha en agosto de 2013”. A través da web do CAAN pódense ver os animais do centro e facer os trámites necesarios para unha adopción.

Por último, a deputada sinalou como dato negativo que “só o 6% dos cans que entran no centro veñen con microchip, polo que aínda queda moito que avanzar no relativo á identificación dos cans”.

Anuncios