Unha vez rematada a tempada estival e co regreso ás aulas dos escolares, este luns volveron entrar en vigor os descontos no aparcadoiro municipal do Aral e os veciños de Baiona puideron gozar de novo dunha hora gratis.
O Concello puxo en marcha esta iniciativa o pasado mes de xaneiro co obxectivo de facilitar a mobilidade dos veciños no centro urbano. Situado xunto ao Centro de Saúde, o INEM, o Pavillón de Deportes ou o Colexio de Covaterreña, desde o aparcadoiro do Aral os desprazamentos ata o Concello, a Praza de Abastos, o Xulgado de Paz ou a Biblioteca Municipal poden completarse en apenas cinco minutos.
“Era unha medida necesaria para que todos os veciños poidan estacionar sen custo durante o tempo necesario para deixar aos mozos no colexio ou facer un recado, polo que esperamos que tamén poida beneficiarse o comercio local”, apuntaba o alcalde, Ángel Rodal.
A primeira hora do aparcadoiro do Aral, que na actualidade é xestionado polo Concello de Baiona, será gratuíta de luns a venres, excepto os días festivos e durante o verán. A medida volverá estar vixente ata o próximo mes de xuño, no horario de apertura das instalacións (de 7:00 a 23:00 horas).

