Sin categoría

Jesús Nanclares chegou fuxido na primeira etapa da Volta á Provincia de Valencia

Gañador dunha etapa a semana pasada en Tenerife, Jesús Nanclares volveu ser protagonista este xoves no arranque da Volta Ciclista á Provincia de Valencia. O corredor berciano do Club Ciclista Rías Baixas foi un dos catorce compoñentes da fuga que avantaxou en sete segundos ao pelotón. O representante da entidade presidida por José Luis Chamorro ocupou a novena posición nunha xornada que se resolveu con dobrete xaponés.

Os 138 quilómetros entre Valencia e Ribarroja completáronse a unha velocidade media de 44 km/h. Como consecuencia dese ritmo frenético e da aparición do vento, a 40 km para o final formouse un abanico con dobre representación do conxunto miñorano: Nanclares e Willem Smit.

Dese grupo que logrou uns metros de vantaxe xurdiu a escapada de 14 unidades que resultou definitiva. Os fuxidos rodaron na cabeza durante os últimos 20 km e chegaron a gozar dunha renda de 45 segundos. O pelotón non conseguiu atrapalos, pero entrou pisándolle os talóns.

Co triunfo fíxose Yudai Arashiro (Selección de Xapón), obtendo 4″ de vantaxe sobre os seus compañeiros de aventura que entraron encabezados polo tamén nipón Arsushi Oka. Nanclares concluíu noveno e 7″ máis tarde entrou en meta o pelotón coa presenza de Smit, Jon Ander Tomei, Diego González e Raúl González. Pola súa banda, Ivan Venter cedeu 47″ e Jaime Guzmán, 18 minutos.

Este venres celebrarase a segunda etapa, de 139 km con saída e chegada en Olocau. Unha xornada de media montaña con previsión de altas temperaturas.