A Xunta detecta outro episodio de contaminación que afecta á praia de Area Fofa

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Praia de Area Fofa.

A Xunta de Galicia remitiu onte ao Concello de Nigrán os resultados das últimas mostras de ensaio recollidas en varios areais da localidade pontevedresa con resultados positivos en Escherichia Coli no caso da praia de Area Fofa, na parroquia de Panxón. Un novo episodio de contaminación microbiolóxica da auga que se suma ao que desde o pasado 9 de agosto se detectou na desembocadura do Río Muíños, en Praia América, e que ata o de agora mantense sen variacións.

Así o confirman as últimas medicións, do 6 de setembro (data na que se recibiron os resultados), que apuntan a unha proporción de >1700 NMP/100ml desta bacteria fecal no caso de Area Fofa e de >2000 NMP/100ml no da desembocadura do Río Muíños. Valores superiores aos aceptables que desaconsellan o baño.

Segundo a lexislación vixente, unha vez detectado o episodio de contaminación os concellos están obrigados a comunicar á poboación a situación con carteis informativos nos que ben se prohiba o baño ou se recomende absterse deste de forma temporal por contaminación microbiolóxica. Este panel informativo deberá completar ao cartel coa cualificación sanitaria. Ademais, manteranse as condicións adecuadas das áreas peripraieiras e exporase aos usuarios calquera outra información relevante establecida regulamentariamente.

Neste senso, a Administración autonómica advirte do elevado risco sanitario de que os usuarios se vexan afectados por cadros intestinais e/ou dermatolóxicos e insta a poboación a concienciarse das consecuencias de bañarse no areal na situación actual.

Nesta última comunicación remitida ao Concello de Nigrán, a Administración autonómica recorda que, “como xa se comunicou varias veces”, de xeito permanente mentres que persista a contaminación no Río Muíños deberase prohibir o baño de maneira visible aos usuarios na desembocadura e leito do río, ata a notificación por parte da Xunta do fin do episodio de contaminación.