A Corporación Municipal de Baiona rende unha emotiva despedida a Ana Simóns

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Último pleno de Ana Simóns.

A Corporación Municipal do Concello de Baiona despediu este xoves no pleno ordinario de setembro á súa concelleira de Urbanismo, Ana Simóns, que deixou oficialmente o cargo polo seu cambio de residencia.

“Os cambios son a lei da vida e no Concello de Baiona tiven o mellor máster que xamais puiden facer, quero agradecer a todos as facilidades que tiven para traballar, tanto dos meus compañeiros como dos funcionarios, os concelleiros da oposición e os veciños, sería imposible enumerar un por un, pero se algunha vez falleivos pídovos mil e unha desculpas de todo corazón”, sinalou Ana Simóns durante o seu emotivo discurso.

O salón de plenos abarrotouse este xoves para despedir á concelleira. Veciños, amigos e familiares acompañaron á edil no seu adeus ao Concello despois de presentar o pasado luns no rexistro a súa renuncia á acta de concelleira.

O alcalde, Ángel Rodal, agradeceu a Ana Simóns a súa labor durante os últimos dez anos. “O máis importante é todo o que deixas, todo o traballo desenvolvido durante estes anos en favor dos veciños de Baiona, desexamos que teñas moita sorte na túa nova etapa”, sinalou o rexedor despois de entregarlle o escudo do Concello de Baiona.

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE, Rafael Lores, destacou a “paixón, honestidade e servizo público da concelleira” e sinalou que Ana Simóns “sempre amosou unha gran dispoñibilidade para chegar a consensos e dialogar”.

Iago Pereira, voceiro do BNG, afirmou que lembraría a “experiencia positiva” de compartir mesa de traballo coa concelleira e afirmou bromeando que “vanse votar de menos as discusións políticas”. Por último, o edil Silvano Montes, de Esquerda Unida, destacou o “bo talante” de Simóns e brindoulle unha calorosa despedida polo “afecto persoal que temis”.

Ana Simóns, ata o día de hoxe concelleira de Urbanismo e Mercados e segunda tenente de alcalde, desenvolveu a súa labor á fronte da área de urbanismo desde 2007, período no que se aprobaron o PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), o PEPCHAB (Plan Especial de Protección do Casco Histórico Artístico de Baiona) ou o Plan Especial do Porto de Baiona, ademais de importantes reformas como a da rúa Areas, a rehabilitación do Arquivo Histórico e Biblioteca Municipal Sancti Spiritus ou a humanización da rúa Carabela Pinta, entre outras actuacións.