Aceptadas as emendas de Nigrán Decide aos prezos das actividades deportivas e culturais

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Escola de Música.

Na Comisión de Contas celebrada este luns foron aceptadas as emendas presentadas por Nigrán Decide para que non se excluíse das bonificacións nos prezos públicos para as actividades deportivas e culturais a persoas con ingresos inferiores ao salario mínimo, ou mesmo, a perceptoras da RISGA.

A proposta do goberno municipal supoñía un aumento dos prezos para as persoas de fóra de Nigrán, incluía unha bonificación do 25% para toda a veciñanza de Nigrán, de maneira que quedarían os prezos iguais que o ano pasado, e outra bonificación do 50% para as persoas con menos ingresos. Sen embargo, esta última bonificación, copiada exactamente da que Nigrán Decide propuxo o ano pasado, excluía do acceso ás bonificacións ás persoas que vivan soas, aínda que non tivesen ingresos ou cobrasen só a RISGA, e algunhas unidades familiares de dous ou tres membros que tivesen ingresos por debaixo do salario mínimo.

O ano pasado o goberno municipal pretendía bonificar unicamente ás familias numerosas, sen ter en conta os seus ingresos, polo que, no debate, Nigrán Decide propuxo que se tivesen en conta os ingresos das unidades familiares, cousa que foi aceptada pola maioría. A súa sorpresa este ano foi que o goberno municipal copiou exactamente a proposta do ano pasado, sen modificar os baremos económicos, como se o custe da vida non subirse nin corrixir os erros das persoas que viven soas con baixos ingresos que estaban excluídas de calquera bonificación.

“O goberno municipal non ten ideas en materia social, limítase a copiar e pegar sen analizar ben o que se está a facer, para despois pretender colgarse as medallas mediante a propaganda”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar indicando que, “polo que se viu nesta Comisión de Contas, a política de bonificacións sociais nos tributos sociais a está marcando o grupo municipal de Nigrán Decide”.